FIOT35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
RUAR E RIR EN CARBALLO (III)
Santiago Pazos
Os espectadores do FIOT son moi considerados, aplauden con ganas en cada espectáculo, xa sexa por respecto ou porque lles gustou de verdade. Eu tamén. Recoñezo que o traballo que fan os profesionais que se dedican ao teatro, merecen recoñecemento. Mais cando me poño a escribir estas crónicas non teño en conta se á xente se pon de pé ou berra “bravo”. Son actores secundarios. Téñoos en conta, como unha referencia, pero non me afecta. Non me deixo influír pola emotividade popular. A miña función é outra. Destripar aspectos concretos que ao meu parecer funcionan ou erran, sen deixar de intentar ter unha mirada particular. Ou iso pretendo. Cando os que me len din que non vimos a mesma obra confirman que as miradas son diversas e iso enriquece. Non somos parte dun rabaño amestrado.
ADRIÁN DE REGENCO E PABLO ALVITE (FOTO DE VENESSA RÁBADE)
ADRIÁN DE REGENCO E PABLO ALVITE (Pequenos pero faltóns)
Nin pequenos, nin faltóns. Vese que están nunha primeira fase de construír unha casa na que, polo de agora, só se ven as estruturas. Simpáticos e graciosos, si. Pero con iso só non van lonxe. Menos en momentos moi concretos cada un fai a súa función por separado. Esa historia do can que caga na alfombra e tes ti que enxeñarlle cómo se fai no campo é unha boa idea para crear un monólogo con substancia cómica. A dúo, por suposto. Eles verán.
NACHO FLORES (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
NACHO FLORES (Domte)
O Teatro de Rúa sempre te sorprende. Queres volver ser es@ nen@ que mira cos ollos cheos de inocencia inqueda. Despois de facer traballosamente un castelo de troncos e táboas que se sosteñen no aire como se fose unha escultura de Alexander Calder, o actor ten que escoitar a unha nena berrar que iso e un reno. Un aviso de que a realidade e a natureza son máis abstractas do que as nosas mentes racionalistas poden comprender. Castelos que se derruban cun suspiro que agarda na gorxa o seu momento.
EL FAMOSO TRINO (La voz del becario show)
Realmente son un dúo, el e a muller que sirve de referente e intervén sexa interpelada ou non. Vemos que está na súa salsa por moito que de tanto repetirse acaba sendo un condimento máis. Non lle faltan acertos, por suposto. A referencia á IA e as máquinas debaixo das que acabaremos sometidos, ou esa historia da coroa mortuoria que lanza cara atrás no enterro do avó, coma se fose un ramo de noiva, para comprobar quen dos asistentes é o seguinte. Como soe pasar, boas ideas que se perden entre verborrea innecesaria.
FÁBRICA DE IMPRO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
FABRICA DE IMPRO ( O show) e D. J. MAIKEL
Sinto. Non fun velos. Estaba canso e era tarde. Aínda así quero citalos esperando que gustasen. Os que me seguen xa saben que a min, o que non ten importancia para o universo escénico, o da Impro non me engancha. Sempre penso, ou descubro que non é espontánea, que depende dun método moi estudado. E en xeral saio defraudado. Espero que onte non fose o caso.
INDA PEREDA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
INDA PEREDA (Lubbert)
Esta obra está incluída na sección de Teatro en Ruta. Que espero siga crecendo. Teatro para todos. Dende Aldemunde a Razo. Esta obra está baseada, segundo o seu autor, no cadro de El Bosco, O xardín das delicias. Fai mimo, danza e expresión corporal. Nada especial, salvo a intervención duns nen@s sentados en primeira fila que se converteron en protagonistas invasores. Estes rapaces naceron nunha época libertaria, sen vergoña. Teño envexa deles. Os da miña xeración eramos apoucados, tímidos e tiñamos medo de que nos caese unha lapada se nos pasabamos de graciosos. Menos mal que os tempos mudan...
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE
LA VOZ DE GALICIA







No hay comentarios:
Publicar un comentario