miércoles, 18 de noviembre de 2026

LAS GRATITUDES (PRODUCCIONES TEATRALES CONTEMPORÁNEAS)

 

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

SEMPRE DOEN MÁIS OS SILENCIOS

(A propósito de “Las gratitudes”, de Producciones Teatrales Contemporáneas)

Santiago Pazos

FOTO DE VANESSA RÁBADE
 

Non lin a novela de Delphine de Vigan. As criticas que lin ou escoitei son boas. Incluso lles parece que debera ser máis longa. Non sei. Así que me centro nesta  adaptación teatral que fai Marta Bertoldi que me parece apropiada e correcta para contarnos a historia dunha señora maior, filóloga de profesión, que vive nunha residencia debido a que sofre de afasia e non pode valerse soa. E as palabras, tan necesarias, trabúcanselle na gorxa por moito que a cabeza reteña certa cordura e unha obsesión. Encontrar a aquela parella que a coidou e agochou, expoñéndose a serias represalias de ser descubertos, sendo nena e xudía, cando a seus pais naturais os capturaron a asasinaron nun campo de concentración nazi.  Pais de acollida cos quen perde todo contacto cando unha prima da nai, acabada a guerra, adóptaa porque é o seu deber.

Perdeu o don da palabra pero dóenlle máis os silencios. A incapacidade de encontrar a quen busca e non poder agradecerlle o que fixeron por ela. De aí que cando ten noticia deles recupere a fala e morra tranquila.

Curioso que ela mesma tivera que dar acubillo a outra nena con problemas. A única, a excepción do especialista en logopedia que está a tratala, que a visita sempre que pode e se preocupa por ela, aparte de facilitarlle as botellas de whisky que lle fan máis pracenteiro o encerro residencial. O único vínculo familiar que lle queda. Certo que é unha muller de carácter e nada fácil de tratar, desconfía de todo o que se move a o seu redor. De vivir eu nesa residencia non querería tela de veciña.

E sen embargo entenrece a situación na que se encontra, un belisco na conciencia de como tratamos aos nosos maiores, a soidade á que están condenados e á perda do seu contacto coa realidade. De aí que a maior parte do público se puxese en pé e aplaudise con forza entre “bravos”.

Por outra parte, destacar que a actriz protagonista Gloria Muñoz (como Michka) é capaz de transmitir ese sentimento de perda e abandono con sensibilidade intensa pero sen excesos. Non busca a lágrima fácil. Sen agarimos estoxadizos. Algo que persoalmente agradezo. E por riba defende con soltura un texto complicado, tanto de recordar como de pronunciar. Correcta e contida na súa interpretación.  E en canto a Macarena Sanz (como María) e Rómulo Assereto (como Jerónimo), dicir que cumpren co papel secundario que lles toca. Non cabe destacar outra cousa, que non é pouco, que actúan con naturalidade. Iso si, creo que a dirección de Juan Carlos Fisher é sinxela pero efectiva e afectiva.

En canto á escenografía de Juan Sebastián Domínguez, sinalar que é un acerto ese minimalismo na cor, a historia está tan chea de sentimentos! que recargar esa habitación como un cubo seccionado pola metade. E moi bos eses fundidos en negro para separar escenas, aínda que por veces o son parecese un trono.

Ao final da maceta xurde un brote, e como di a protagonista, hai que falar cando aínda temos as palabras para poder expresarnos antes que estar obrigados a buscalas debaixo da cama.

Penso que non é excepcional (eu aplaudín con ganas pero non me puxen de pé) pero si é unha obra correcta, sensible, tenra e ben interpretada que pon de manifesto unha realidade que nos afecta de cheo a case todos e da que temos que tomar conciencia e compromiso.

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA





 

 

 

No hay comentarios: