miércoles, 18 de noviembre de 2026

FIOT 35. COMPANHÍA DO CHAPITÓ (ODISEA)

 

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

A MAXIA DO TEATRO

(A propósito de “Odisea”, da Conpanhía do Chapitó)

Santiago Pazos

FOTO DE VANESSA RÁBADE
 

Qué é a vida senón a viaxe en busca dunha Ítaca imaxinaria? Un desexo inalcanzábel. Unha idea tan real como metafórica. Vémolo hoxe en día na emigración forzada pola pobreza e as guerras. Non son invasores, só queren encontrar un destino seguro onde vivir sen medo e non pasar fame por moito que teñan que traballar de sol a sol por unha miseria de salario. Esta xente non desexa como Kavafis que cando emprenden a súa viaxe a esa Ítaca soñada pidan que o camiño sexa longo e cheo de aventuras e de experiencias. Queren que o seu camiño pola supervivencia sexa doado. De aí que a Odisea de Homero siga a ser un referente que ofrece lecturas e interpretacións diversas. Como Leopold Bloom, no Ulises de Joyce, que converte unha pastilla de xabón en todo un símbolo de pulcritude infecta. No transcurso dun día caben todas as esencias e pensamentos da historia da humanidade.

No cine hai unha versión realista interpretada por Kirk Douglas, no ano 1954, bastante fiel co texto orixinal. E na actualidade podemos ver a de Nolan cun presuposto astronómico. Hollywood é así de ampuloso. Vina e non me gustou. Demasiados efectos especiais e con erros textuais. E por riba longa de máis.

E no teatro vemos agora como Chapitó dálle unha volta e converte en comedia o que sempre nos contaron  como unha traxedia épica. Non sei ben porqué me recordan tanto aos Monty Python na Vida de Brian, xa que teñen un estilo propio que os identifica. Recordemos “O grande criador”, “A tempestade”, “Edipo” ou “Hamlet”. Sempre transformando dende o seu punto de vista cómico, con respecto á historia que están a contar, esas emblemáticas obras que representan a heroes gallardos e invencibles, personaxes de ficción que xamais desfalecen ante as adversidades.

Nesta Odisea non falta ninguén, Poseidón, Eolo, Hermes, Circe, Calipso, Polifemo, Tiresias ou Penélope que nun acto de liberación podería facerse ao mar e, de querer, fuxir, non por tecer e destecer, senón farta de limpar a merda que os pretendentes van acumulando e ter que aguantar a ese home que volve a casa despois de tantos anos.

Chapitó demostra que non precisan de grandes presupostos para contar esta historia. Cunha mesa, dúas cadeiras e un tallo dos que vemos nas tabernas, uns anacos de plástico transparente, luces e sombras (imprescindíbeis), o son dunha guitarra, e algún refugallo máis, conseguen crear espazos e paisaxes nos que barcos, ventos, tempestades ou o mesmo inferno parecen estar creados dende unha perspectiva abstracta que a ollos do espectador son de fácil comprensión. Como exemplo eses dous chupóns para desatrancar tubarias, que tanto son os cornos dunha vaca coma o arco de Ulises.

Jorge Cruz, Pedro Diogo e Pedro da Silva, baixo a dirección de José C. García, compoñen un trío excepcional de actores que xogan e se divirten interpretando a personaxes, en aparencia intocables. Iconas das que se rin baixándoos do pedestal dos deuses e converténdoos no que realmente son, humanos extraviados. Todo maxia, ritmo, enxeño e imaxinación torrencial. Teatro en estado puro. Grandes.

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



No hay comentarios: