(FIOT 2017)
26 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
A RÚA DOS CONTOS
AS GARGALLADAS GÓTICAS
DE PAULA CARBALLEIRA,
FÉLIX ALBO E QUICO CADAVAL
SANTIAGO PAZOS
Rirse do medo parece unha forma axeitada
para superalo, sobre todo neses momentos nos que as gargalladas iluminan eses
espazos escuros e tenebrosos dos que un sempre quere fuxir correndo. E rirse da
mesma morte, facendo chanzas dela, tamén nos libera dese peso xélido e macabro
que comporta, non só o feito en si e a palabra que o nomea, senón o propio
concepto.
Xa sabemos que falar de mortos é unha
deriva moi suxerinte e case inevitable nas noites frías e ventosas. Facíano
meus avós, cando os visitaba de cativo aló en Sabaceda (aldea da parroquia de
Bazar no Concello de Santa Comba). Aquela casa soa no medio do monte era un
escenario perfecto. Ao carón da lareira, as historias da Santa Compaña eran
sempre o regalo de boas noites. E conseguir durmir despois non era nada doado.
Pois a iso, ou algo parecido, se dedicaron na Rúa dos contos, a fin de
semana pasada. Por unha parte Paula
Carballeira na Cervexaría A Bombonera, e por outra, Félix Albo e Quico Cadaval
no Mercado Municipal de Carballo.
“Os contos que me foron contando” de Paula Carballeira están
cheos de mortos, mais parece que os que dan verdadeiro medo son os vivos dos
que fala. A súa especialidade narrativa é ir debullando vivencias con aparencia
de normalidade que desembocan, por circunstancias imprevistas ou pouco claras,
en situacións macabras nas que a tensión dramática pódese cortar cun coitelo, subindo
de intensidade ata que a trama queda resolta, xeralmente, cun desenlace
rocambolesco e cómico.
Félix Albo, en cambio, non persegue dramatizar máis
aló do estritamente necesario, o seu é ir directamente a buscar o riso cómplice
con historias cheas de disparatadas ocorrencias. Un home de palabra sosegada
que engancha pola sinxeleza argumental, e que nesta ocasión, (Quizais coma unha
especie de homenaxe a película “Amarcord”), amosou claras influencias
fellinianas.
E qué dicir do mestre Quico Cadaval que non
teña xa dito neste blog? Penso que xa escoitara todas as historias que contou,
pero o seu maxisterio permítelle renovalas e enriquecelas, sen perder un ápice
de interese, en cada nova función. O esqueleto temático mantense, é sempre o mesmo, ou case, o que mudan son os
carreiros polos que transita e as bifurcacións argumentais coas que nos vai
ilustrando. Carreiros cheos de sabedoría e coñecemento. Sen dubida segue a ser
o mellor narrador e transmisor de historias, contador de contos e monologuista do país.
Saúde
NOTA:
TRANSMITIRLLE O AGRADECEMENTO A DON JOSÉ MARÍA DE LA VIÑA VARELA, PROFESOR E AMIGO, POLAS ESTUPENDAS FOTOS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario