martes, 19 de septiembre de 2017

"MUIÑADA", de Galeatro

(FIOT 2017)
26 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

APRENDER XOGANDO
(A propósito de “Muiñada”, de Galeatro)

SANTIAGO PAZOS


Se revisaramos o libro da derrogada “Educación para a cidadanía”, (materia lectiva que tanto incomodaba a José Igancio Wert, Ministro de Educación do primeiro goberno de Mariano Rajoy polo Partido Popular), e o comparásemos co texto de “Muiñada” escrito por Ana Carreira veriamos que concordan moito na temática.

A defensa da igualdade entre persoas de distinto color ou sexo, a liberación da muller traballadora, o respecto polos dereitos alleos, a loita en contra dos privilexios por motivos económicos, ou a ecoloxía, mesturados nun simpático e amoroso conto infantil educativo localizado na Galicia máis tradicional, son temas que, entre outros,  van xurdindo dun modo sinxelo, xogando, entre recursos cómicos que buscan aprender cun sorriso estas cousas tan serias.

A presentación plástica, condicionada sen dúbida por ese respecto e intencionada defensa da tradición, é un tanto pastoril, marcadamente idílico dende a primeira escena, e penso que un pouco redundante no final con esa restra de refráns e frases feitas para consumo cotiá que, máis que engadir valor, entorpecen a claridade e sinxeleza da mensaxe que pretenden amosar.

Boa dirección de Davide González, destacando a axilidade no ritmo e nos tempos escénicos que favorecen a liberdade coa que se moven os protagonistas, nunha escenografía bucólica pero fidedigna de Anahí Taraburelli. E unhas interpretacións moi naturalistas, con frescura, tanto de Tone Martínez, como de Alba Bermúdez, que aproveitou ben o asesoramento de danza de María Martínez, e amosa unha voz moi cálida, aínda que precisa perder o medo a mirar ao público de fronte. E dígolle isto último con agarimo, porque entendo que estiveron a altura pese a responsabilidade que esta estrea tiña para unha compañía que comeza o seu rumbo asumindo un reto tan importante. Polo que espero e desexo que teñan un recorrido cheo de éxitos.


Saúde



No hay comentarios: