(FIOT 34)
FESTIVAL
INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
SANTIPAZOS
Cando cheguei ao Serradoiro Eucatar, no Tarambollo de Sofán, para ver, dentro da programación FIOT en Ruta, “Mala vida e pior morte do rei Ricardo III”, producida por P.T. Excéntricas, Evaristo Calvo cun machado na man, estaba a cortarlle a cabeza a un montón de monecos que semellaban ser nenos pequenos, mulleres e todo tipo de supostos ou inventados inimigos. A escena entre táboas de madeira, que formaban altas torres, era bastante macabra e atolada. A continuación desa sanguinaria carnicería, pasamos a escoitar o soliloquio dun personaxe doente (en todas as acepcións da palabra) que se sente maltratado pola historia por culpa da maledicencia dun autor de teatro chamado Shakespeare.
Con textos
e dramaturxia do propio actor, acompañado por María Lado, Antón Coucheiro e o
propio autor inglés, intentan desmontar ese mito de que este rei mesmo era a reencarnación
do mal. A obra, como non podía ser doutro
xeito, vindo de quen vén, é un marabilloso disparate no que o maxisterio
histórico e a elocuencia verbal deste gran actor, que lonxe de poñerse en
evidencia como ten demostrado tantas veces, (cousas de cómicos), demostra que
vive nun estado de graza creativa “innnnnn-su-pe-ra-ble” (como pronunciaría Dalí).
Querido Evaristo, nunca deixas de sorprenderme. Agradecido. E aplausos.
Xa no Pazo da cultura puidemos gozar doutros clásicos como son os do século de ouro español coa Compañía Lucas Escobedo e a Nacional de Teatro Clásico que, con “Farra”, (Premio Max ao mellor espectáculo Musical 2025), invitan a celebrar a cultura, a música, o teatro, o circo, a risa e o divertimento máis desinhibido. E abofé que o conseguiron porque o público carballés sempre é de apuntarse ás festas. A min recórdanme moito a esoutros “case carballeses de adopción” chamados Ron Lalá, aínda que estes teñen máis táboas.
Aquí vimos a pasalo ben sumando variadas disciplinas circenses, teatrais e musicais. Moita chirigota gaditana, malabares que non falten cos seus correspondentes fallos técnicos, un número aéreo onírico sen moita complicación, un número de escaleira que recordaba a Pepe Viyuela, bandeiriñas de cores para que os espectadores se integrasen, e como base esas imprescindibles referencias poéticas nas que non falta ninguén, Lope, Calderón, Cervantes, Góngora, Quevedo, e un largo etcétera. Incluídas (e reivindicadas, por fortuna, tamén) todas esas mulleres que pretenderon silenciar como Santa Teresa ou María de Zayas. E acordáronse de Razo, supoño que para que soubéramos que sabían onde estaban.
En definitiva, todo estupendo, simpáticos, graciosos, enérxicos e con moito ritmo. Comprometidos tamén con todas esas causas sociais que eu comparto nun monólogo final cheo de sentimento no que invitaban ao público a subir ao escenario a proclamar ben alto o motivo polo que querían celebrar porque estaban en Farra, ou de troula. Mágoa que non subiu ninguén. O respectable estaba moi cómodo nas súas butacas facendo palmas e rindo. Iso si, aplaudiron de pé e con ganas. Eu, xa saben, este tipo de festexos non son o que máis me divirte, pero tampouco lle quero amargar a festa a ninguén. Volvan velos se poden e gocen. Dende logo estes actores fan todo o posible para que o espectador pase un bo rato sen esquecer que a realidade é ben máis crúa.
Saúde e longa
vida…
NOTA:ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA



No hay comentarios:
Publicar un comentario