viernes, 14 de noviembre de 2025

MEDIDA POR MEDIDA, DE GABRIEL CHAMÉ

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


 “ATERRIZA COMO PUEDAS”

 

SANTIPAZOS

Medida por medida_copy_Car los Furman

(ESTA COMPAÑÍA FOI A GAÑADORA DO PREMIO DO PÚBLICO NESTA EDICIÓN 34) 

 

Esta versión de “Medida por medida (La culpa es tuya)”, dirixida por Gabriel Chamé Buendía, parécese moito a esa película de Leslie Nielsen que da título, (en castelán, xa que eu saiba non está dobrada ao galego), a esta crítica teatral. Aí podemos ver a Jim Carrey, a nena do exorcista e a un personaxe de “La matanza de Texas”, entre outros. O da motoserra, por suposto, era unha referencia ao Presidente Javier Milei. Tamén sae Mariano Rajoy para compensar certos desequilibrios dialécticos. Teatro político no que Shakespeare era un experto, e teatro participativo, por moito que eles proclamen que non é, porque botan man do público en moitas escenas. 

Paréceme que nesta posta en escena, dos arxentinos Buendía Theatre, do que se trata é de que se note hiperbolicamente que nun escenario pódese, e débese, interpretar os textos clásicos dende unha visión innovadora  e persoal que ás veces funciona, (e outras non tanto).  Dende o primeiro momento deixan ben claro que veñen divertirse e divertirnos e que o escenario vaise converter nunha pista de circo onde a maxia xogará un papel fundamental. Como exemplo, ese billete de cincuenta euros que se converte nun de cinco para denunciar a inflación endémica dese pais americano, ou ese fermoso sofá vermello que serve de vía de escape para facer transicións entre escenas. Mecanismo, por certo, que completa unha escenografía moi intelixente formada por estruturas móbiles que dan moito xogo. E podemos engadir esa cámara en directo que transmite primeiros planos que deforman todo o que se está a gravar, incluídas as caries dunha dentadura real. 

O curioso é que son moi respectuosos co texto. Quizais por iso dure tanto. Dúas horas entre obra e ocorrencias que buscan a complicidade do público mencionando lugares comúns como Razo e Baldaio, ou Malpica de Bergantiños. Vese que se documentaron porque chegan a falar de Transportes Finisterre e da escasa puntualidade coa que funcionan. Recurso que recorda a Yllana ou Ron Lalá. Menos mal que non citaron a docería Vella. E iso que estiveron aquí en 2015 cun Otelo representado con ese mesmo ritmo frenético e a mesma exaxeración expresiva coa que actúan en Medida por medida. Con eles a tensión cómica e dramática sube tantos decibelios que, por momentos, sénteste como un ser pequeno e agoniado. Proxectan a voz con tanta intensidade que non sei como non se perden nas propias interpretacións. Viñéronme a memoria aqueles monecos que non podían parar de correr porque levaban un tipo de pila que non vou nomear.

Mais, deixando de lado as miñas taquicardias, teño que recoñecer que son uns grans actores capaces de defender varios roles cunha enerxía que envexo. Cómicos, histriónicos, polivalentes. Así, tamén recoñecer o labor de dirección que demostra ter unha idea clara de que o teatro clásico ten un eterno interese textual pero que precisa de moita ousadía e de dramaturxias novas para engaiolar a un público cada día máis exixente. O de Carballo aplaudiu con ganas e, penso, pasaron unha boa noite.

Eu recoñezo que teño certas reticencias con este tipo de teatro que se pasa de revolucións por moito que recolla escenas entrañables como esa da pomba mensaxeira. Outras son moi divertidas. Fan humor crítico de circunstancias perversas e utilitaristas hipócritas que o poder practica con frecuencia e deixan ao descuberto debilidades humanas para que a vida pareza un vodevil. Mais isto xa está en Shakespeare.

O que aporta esta versión, en definitiva, e una revisión estética dun texto incombustible incorporando temas de actualidade que avisan ao espectador para que estea atento e non pense que os vellos e traumáticos vicios do poder están superados. De feito, na actualidade estamos moi necesitados de teatro político, social e participativo. Outra cuestión son os estilos. Igual non é preciso nin berrar, nin rir tanto. Estarei a ter xa unha idade e preciso de experiencias máis repousadas!  

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS

DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

  

No hay comentarios: