(FIOT 2016)
XXV FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE
CARBALLO
DEMASIADAS REALIDADES?
(A propósito de “Eroski Paraíso” de Grupo
Chévere)
SANTIAGO PAZOS
As formas de contar os feitos non sempre
son tan fieis a eses propios acontecementos como pretenden ou aparentan. Tampouco
é cousa de confundir os estilos, xa sexa naturalista ou realista, coa propia
realidade. Pero se falamos de “Eroski
Paraíso” podemos dicir que é unha obra na que se recollen demasiadas
realidades. De feito penso que amosan un bo e exhaustivo anecdotario de comportamentos
sociais que tiveron consecuencias tanto persoais como de grupo e que, como non
podía ser doutro xeito, foron mudando cos tempos.
Agora ben, intentar converter esas valiosas
retrospectivas en categoría sociolóxica, aínda sendo certo que en moitos casos eses
comportamentos poden ser perfectamente extrapolados e xeneralizados, paréceme
un pouco excesivo. Extremo que, por
outra parte, non lle quita ningún valor ao traballo de investigación e
documentación tan serio e profundo que fixeron para preparar esta obra, labor
da que Xesús Ron dou conta con toda profusión de detalles no Café con...
Agradecidos quedamos os que tivemos a sorte de escoitalo.
A proposta escénica de representar uns
feitos da nosa historia recente a través da rodaxe dun documental, no que se interpreta
esa realidade, funciona principalmente como un recurso que da credibilidade. Evidentemente,
un espectáculo teatral, destinado basicamente a entreter, depende de variables
que pouco teñen que ver coa técnica documental porque a forma de contar asume
un carácter de protagonista que inflúe, desde diversos aspectos, na mensaxe que
pretendemos trasladar ao espectador.
Nese ámbito, a mestura de teatro
experimental e militante de Chévere consegue que nós acheguemos a realidade dun
xeito que, sen deixar de ser reflexivo, carga conscientemente as tintas nunha
mirada tan irónica que por momentos parece núa de calquera crítica e autocrítica
sociais. De aí que se comparamos esta obra con outros traballos da Compañía, coma
“Citizen” ou “Eurozone”, penso que neste caso estamos ante unha comedia de
situación bastante máis moderada, ou baleira de ese compoñente de compromiso
combativo ao que nos teñen acostumados.
Aspectos que non lle restan calidade algunha
porque o produto final está totalmente compactado, facendo uso dunhas
ferramentas humorísticas, como o xustificado castrapo, que arrincan os sorrisos
do público sen necesidade de artificios cómicos. E por outra parte, a profesionalidade
de Chévere, demostrada e premiada ao longo da súa traxectoria, está fora de
dúbida, as interpretacións de Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo son excelsas
e a incorporación de Cristina Iglesias moi compenetrada.
En definitiva, penso que é unha mirada, moi
documentada ao tempo que particular, a cerca dun pasado tan recente que dificulta
a perspectiva e que peca de certa falsa frialdade ao querer mostrala desde unha
distancia que non é real. Aínda que no aspecto estritamente teatral e
interpretativo non ten tacha algunha.
Saúde
No hay comentarios:
Publicar un comentario