FIOT 35
FESTIVAL
INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
A MENSAXE E A FORMA
(A propósito de “Asoballada
por fentos” de Álvaro Corral Cid e “Cosas pequeñas” de PSIRC)
Santiago Pazos
Recordemos esa reflexión de McLuhan, que podemos aplicar
ás artes escénicas, cando afirma que a forma na que se transmite unha mensaxe
inflúe moito máis na sociedade que o contido en si mesmo. Puidémolo comprobar
nos dous últimos OTNI.
Por unha parte en “Asoballada por fentos”, un discurso
lido de corrido, non interpretado, por Álvaro Corral Cid que, de non ser por
Gabi Reboredo (músico habilidoso que canta estupendo e recupera cantigas desa
época, incluída “Airiños, airiños. Aires” de Rosalía), sería insufrible. Non deixa
de ser un traballo en proceso de elaboración pero, sen dúbida, quédalle moito
traballo por facer. A idea de documentar a utilización que a Sección Feminina
de Pilar Primo de Rivera fixo do chamado folclore hispano con colaboradores
como Rafael Benedito Vives non está mal. Pero estamos no teatro, non nun salón
de lecturas. Polo menos podía poñer unha camisa azul cando le o texto do
falanxista José Antonio, antes de morrer fusilado, e non un uniforme do
exército do aire. Queda de manifesto que cada discurso precisa dunha adecuada
representación.
Por outra parte temos “Cosas pequeñas” de PSiRC, que sen
precisar darnos unha conferencia lanza unha mensaxe nítida. Vivimos dentro de
botellas de plástico que están a invadir o planeta. Todo se converte en
mercancía. Ata o neno Jesús, o moneco máis reproducido e vendido no mundo. Non
é unha obra perfecta. Ten defectos como a insistencia na escena dos reis magos.
Pero actúa, como mimo ou equilibrista. Tiñamos o corazón nun puño cando se
sentou naquela cadeira enriba da mesa. E as imaxes visuais da cámara de vídeo
proxectadas na pantalla eran bastante ilustrativas. As formas eran tan potentes
que a mensaxe chegaba de xeito sinxelo. Só con dicir que o home pode ser unha
lámpada, unha árbore ou unha cadeira, o inicio dun novo orden no que as persoas
se definan, non polo que producen senón polo que son, xa está a contextualizar
un concepto que non precisa de discurso algún. O espectador recibe con nitidez
a mensaxe. Por suposto, actuando, dándolle forma ao que escoitamos. Para iso
está o teatro.
Dío ben claro Vicente Verdú, en “Yo y tú, objetos de lujo”:
“hoxe non se aprende mediante largos discursos, senón por instantáneas que o
cerebro se encarga de asociar”. E eu creo que no teatro tanto as ideas sen
forma, como as formas sen ideas están condenadas a fracasar.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA
BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



No hay comentarios:
Publicar un comentario