FIOT 35
FESTIVAL
INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
CARICATURAS
(A propósito de
“Libres”, de Teatro del barrio)
Santiago Pazos
Antes de entrar en materia teatral, recomendarlles que se
queren documentarse algo máis sobre as liortas ideolóxicas que se producían na
esquerda durante a República, tan de actualidade hoxe onde os egos impóñense
sobre as ideas, e as diversas opcións estratéxicas durante a guerra incivil,
aparte de tantos estudos históricos que se teñen publicados, Paul Preston por
exemplo, poden ver a película “Tierra y libertad” de Ken Loach.
Nesta obra, o texto de Esther F. Carrodeguas é bastante
fiel a historia, cousa de agradecer. E a adaptación de Andrés Lima está feita a
conciencia. Transmitir esa temática dende unha perspectiva divertida,
caricaturesca. E que mellor que un cabaré anarcosicalítico no que catro
mulleres, unha delas pianista, interpretan con picardía erótica a todas
esoutras que loitaron polo feminismo e o voto da muller. Aí están Emilia Pardo
Bazán, Clara Campoamor, Victoria Kent, A Pasionaria, Emma Goldman, Federica
Montseny, e incluso Azaña.
Todo parte de ese grupo de Mulleres Libres anarquistas,
liderado por Mercedes Comaposadas, Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch, sen
esquecer a pioneira Teresa Claramunt, que defenden o amor libre, a
alfabetización e o feminismo proletario e inclusivo en contra do feminismo
compracente e o anarcomachismo. E para iso crean unha revista revolucionaria
que se pode consultar na Hemeroteca Nacional.
Contan a historia, e refírense a acontecementos actuais,
de xeito desenfadado e desinhibido con pezas musicais recoñecibles ás que lle
cambian a letra. Boa versión a que fai Alba Flores de “El día que nací yo”, de
Imperio Argentina, sentada enriba do piano ou de “Soi una zorra” de las Vulpes.
Na tonalidade vese a influencia da súa tía Rosario. Pero tamén vemos que aparte
das influencias familiares ten personalidade e preparación. Pásalle como a eses
nen@s que ven como os pais len e aínda que só sexa por curiosidade collen un
libro para, polo menos, acariciarlle o canto.
De feito todas as actrices cantan e interpretan a varias
personaxes. Está ben Nüll García, pero a
que sobresae é Laura Galán. Espectacular en todos os aspectos. Actriz completa
que controla todos os rexistros da comedia. Exuberante. Non me estraña que lle
deran o Goya por “Cerdita”.
En xeral é un bo espectáculo que demostra que para contar
cousas serías non sempre é preciso montar un drama. Como eses bos profesores de
física ou matemáticas que intentan facer sinxelo de entender conceptos bastante
complicados de entender. Saben por experiencia que para captar a atención do
alumnado teñen que ser ademais malabaristas.
Noto, iso si, fallos na dirección. Ritmo e movementos
quedan supeditados á anarquía, (mire vostede!), e á paixón que as intérpretes
poñen no seu traballo. Menos mal que elas, en aparencia, coñécense ben e fan da
necesidade virtude. Vese que gozan
xuntas no escenario e que se senten parte solidaria desa loita que levaron a
cabo esas mulleres inesquecibles en épocas bastante máis difíciles que a actual,
por moi complexa que esta sexa.
Moi intelixente, por certo, ese comezo para implicar e
convidar a que o público participe na festa: “Carballo, son humanos ou un cadro
pintado ao óleo!”. A partires de aquí os fioteiros déronse conta de que isto
non ía sobre dun tostón histórico e, desatados, colaboraron con alborozo en
todo o que as actrices solicitaban.
Finalmente aplaudiron en pé. Contentos. Non é porque a
obra o merecese ou non, pero ultimamente noto que os espectadores do FIOT
póñense en pé con moita facilidade. Ás veces penso que é causa da incomodidade
das butacas e non queren recoñecelo. Ou
serei eu que sempre lle ando a buscar tres pés aos gatos.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA
BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


No hay comentarios:
Publicar un comentario