(FIOT 2014)
XXIII FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO
ESCOLA DO ESPECTADOR
CON CAMILO FRANCO
Non hai que ser un experto para darse conta de que a
fotografía que ilustra este artigo é moi mala. Quizais poderiamos escusar a
intención, pero todo o demais, a sobresaturación, o encadre, a iluminación e a
falla de nitidez, é coma unha puñada. E por riba, o personaxe principal case
nin se distingue. Puiden pedirlle ao profesor e amigo José María de la Viña que
a fixera el, que sí é un experto, pero decidín inmolarme eu mesmo coma un
artista frustrado. Pode que haxa alguén a quen lle guste, os gustos sonche moi
caprichosos, pero se procurase un pouquiño de formación técnica, xa non digo
estética, outro galo me cantara.
É por iso que a pedagoxía é imprescindíbel para acadar coñecementos sobre os que reflexionar e debater, coñecementos para enriquecer o intelecto, refinar o gusto persoal, e para poder opinar con certa propiedade.
Ben, pois a todo iso, centrándonos especificamente no mundo do teatro, dedícase a ESCOLA DO ESPECTADOR co poeta e crítico teatral Camilo Franco. Un intelectual provocador, (penso que esa peculiaridade venlle no propio ADN ourensán), que en vez de impartir unhas leccións maxistrais, aínda que podería facelo sen dúbida, adicou o tempo a lanzarnos unha chea de preguntas cuestionando o noso papel coma espectadores. Un primeiro paso que, despois de moito debate, foinos levando pouco a pouco a desentrañar as claves que artellan a posta en escena dunha obra de teatro.
Unha experiencia moi positiva coa que o FIOT vai pechando o círculo de actividades ao redor dese universo teatral que ten coma centro o propio programa de representacións.
Saúde
SANTIAGO PAZOS
No hay comentarios:
Publicar un comentario