lunes, 24 de octubre de 2016

MIGUEL DE LIRA (XOGRAR DO OUTONO 2016)

XXV FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

ACTO DE ENTREGA DO GALARDÓN
XOGRAR DO OUTONO 2016

MIGUEL DE LIRA
MIGUEL DE LIRA (XOGRAR DO OUTONO 2016)


TEXTO FACILITADO POLA ORGANIZACIÓN DO FIOT

O Xograr de Outono é un nomeamento honorífico que o Festival Internacional Outono de Teatro outorga á persoa que salienta pola súa traxectoria na promoción do teatro, sendo este un xeito de recoñecer o labor dos que contribúen xenerosamente a agrandar as artes escénicas, e, polo tanto, á cultura galega.

O Xograr representa a figura teatral máis relevante da tradición oral, como creador e tamén transmisor de historias, porque esta tradición identifícanos como alquimistas da lingua, facéndonos renacer a todos os que queremos e cremos na nosa palabra, na nosa cultura e no noso país.

O galardón que da forma a este recoñecemento é unha creación en bronce, de inspiración rupestre, do artista galego Pablo Leal, que a organización elixiu polo seu carácter simbólico e alegórico á figura xograresca.

Os Xograres son un elemento moi importante da alma do Outono de Teatro. Unha comunidade na que nos apoiamos e inspiramos para renovar os valores que personaliza o noso festival.

A elección do galardoado é responsabilidade compartida entre o colectivo de Xograres e Xograresas que se vai creando ano a ano, e a organización do festival.

A todos eles, agradecemos o seu compromiso e fidelidade porque este galardón comprométeos como embaixadores do FIOT e responsabilízaos de futuras eleccións.
ALBA BERMÚDEZ, MIGUEL DE LIRA, ANTÓN GUITOY E RAMÓN TASENDE

Como xa todos vostedes saben, o festival concede nesta vixésimo quinta edición o Xograr de Outono a Miguel de Lira, actor, creador e dinamizador teatral.

Miguel García Martínez, toma o seu nome artístico do  lugar onde naceu, Lira, no municipio de Carnota, iniciando así un longo percorrido polas táboas, levando a cabo un intenso labor no ámbito escénico, cunha diversa e extensa traxectoria profesional -con máis de 30 anos de percorrido-, definindo co seu perfil, a esencia que nos gusta recoñecer con este galardón. Traballa activamente como actor de teatro, dinamizador teatral e produtor, como actor en cine e televisión a nivel galego e nacional, sendo membro fundador dunhas das compañías referentes do panorama teatral galego: O Grupo Chévere.

O Premio Xograr de Outono outórgaselle a unha das figuras que dou iniciou a un teatro alternativo, de compromiso e de experimentación en Galicia, de creación colectiva, ferramenta de sensibilización, creado desde a realidade máis próxima, e sempre desde o humor, levándoo a espazos pouco convencionais como as rúas, barcos, aeroportos, escaparates,... recoñecendo así, esta ampla, equilibrada e diversa traxectoria nas artes escénicas.

Como xa dixemos no mundo do teatro está intimamente vinculado á compañía Grupo Chévere, membro fundador e integrante desde 1987, participando na creación e interpretación dos seus espectáculos, algúns tan memorables como Río Bravo, Big Band, Annus Horribilis, Órbita Mutante e recentemente Citizen, Eurozone ou o espectáculo que acabamos presenciar. No esquezemos, por suposto, as Ultranoites da Sala Nasa, outro dos piares na vida de Miguel de Lira. Ata o seu peche no ano 2012 e desde 1992, a Sala Nasa foi un referente como espazo alternativo para a exhibición, experimentación e creación de distintos formatos escénicos.

Neste ano, no que o Festival Internacional Outono de Teatro celebra o seu 25 aniversario, queremos lembrar tamén que Miguel de Lira, xunto a Chévere, case inaugurou o FIOT, xa que participou na primeira edición do mesmo co mítico Río Bravo. Logo volverían noutras ocasións, a última con Eurozone.

A participación de Miguel no FIOT tamén está presente a través da Rúa dos Contos, sobre todo nos inicios da mesma, xa que foi un estreito colaborador na súa programación.

A traxectoria de Miguel de Lira en cine e televisión é tamén unha das máis destacadas dos actores galegos, actuou en proxectos de relevante repercusión como as longametraxes Crevinsky, Somos gente honrada ou A Esmorga e en series de televisivas como Mareas Vivas –co entrañable Currás-, Pepe O Inglés ou a recentemente estreada Augasquentes (entre moitas).

Entre os recoñecementos que atesoura Miguel de Lira, tanto co Grupo Chévere como en solitario, salienta o Premio Nacional de Teatro á traxectoria teatral da compañía, Premios María Casares e outros como o Agapi ou O Mestre Mateo.

Moitos son os méritos que fan de Miguel de Lira merecedor deste galardón, que recoñece o labor como actor, creador e dinamizador teatral deste comunicador capaz de chegar a todos os públicos, comprometido cultural e socialmente.

Como xa dixen ao inicio, por motivos laborais esta noite non pode estar connosco Susana Dans a xograresa do 2015, polo que neste 25 aniversario do festival, en nome da Organización e dos Xograres, dará lectura á benvida que Susana preparou para o Xograr e presentará ao novo integrante desta comunidade, unha actriz profesional carballesa, moi vinculada ao FIOT e que ademais forma parte da nosa imaxe nesta edición especial, Alba Bermúdez.
Acompáñaa Antón Rodríguez, Secretario da Asociación Cultural Telón e Aparte e vello amigo do Xograr, que dará lectura ao diploma polo que se recoñecen os méritos de Miguel de Lira.

E temos a satisfacción de que faga entrega do galardón Xograr de Outono 2016 a Miguel de Lira, Ramón Tasende, propietario da Libraría Brañas, e patrocinador durante todos estes 25 anos desde a primeira edición, do festival. Un exemplo da fidelidade coa que nos apoian os colaboradores do FIOT, da que presumimos con orgullo. Grazas a todos pola vosa xenerosidade, confianza e compromiso.

MIGUEL SUÁREZ FUENTES (PRESENTADOR DA GALA) 

Para rematar, agradecer, a todos os que como público, colaboradores, voluntarios, patrocinadores..., vos fixestes imprescindibles no FIOT, porque este é un proxecto compartido, de todos nós. E entre todos, sabemos que poderá continuar un camiño con novos desafíos e cara adiante.
Boa noite.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Moitas gracias Santiago por os teus comentarios, e por riba este ano moitos deles en galego!! porque sempre é un placer lerte. Como xa che comentei este ano estiven totalmente desvinculada do Fiot pero coas túas publicacións achegáchesme un pouquiño a el.
Espero para o seguinte poder rebatir a tua crítica! Boa noite. MANU

santipazos dijo...

Grazas por lerme e seguirme con tanta fidelidade. Un pracer.