miércoles, 26 de octubre de 2022

PONT FLOTANT

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

SÓ SOMOS UNHA PARTÍCULA DE PO PERDIDA NO UNIVERSO

(A propósito de “Eclipse total” de Pont Flotant)

SANTIAGO PAZOS

 

ÁLEX CANTÓ E JESÚS MUÑOZ (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Cando acudo no verán a unha desas excursións nocturnas que se organizan para ver os ceos, con Jorge Mira de introdutor, erudito e xenial, sempre insiste en que hai máis estrelas no universo que graos de area en todas as praias da terra. E se me permiten facer certo paralelismo, é o mesmo que contan Pont Flotant, neste “Eclipse total”, en referencia a insignificancia do ser humano na historia de ese universo. Palabra, ou concepto, tan enorme que cando a pronuncias parece que empacha.

 

Poñan agora de fondo musical “Il mondo” de Jimmy Fontana (canción que canta en directo Jesús Muñoz) e reflexionen, sen dramatismos innecesarios e sen “lágrimas manipuladoras”, sobre o paso de cada quen por este mundo, sobre as relacións familiares ou de amizade. Rememoren minuciosamente eses momentos, sutís ou bastos, que marcaron esa vida que está a piques de terminar. Inexorablemente, a morte chega sempre por sorpresa e precisamos irmos coa tranquilidade que non foi un erro vivir. Aínda que, seguramente, teñen razón eses que din que a vida está sobrevalorada.

 

A dramaturxia admirable de Pont Flotant (Álex Cantó, Joan Collado, Jesús Muñoz e Pau Pons) xurde dun traballo de investigación e documentación (recordemos as referencias á Posidonia ou ao Big Bang) serio e contrastado sen perder esa visión abstracta sobre a crueza dos datos que o teatro ten que impoñer sempre.

 

A escenografía metafórica, con esa plataforma circular que xira coma o propio mundo con eses globos que semellan ser planetas e, ao mesmo tempo, con ese realismo costumista representado por esa gran mesa familiar na que as confidencias son a expresión simplista das relacións persoais, familiares e sociais, crean espazos paralelos mais non contraditorios.

 

E cabe destacar esa interpretación extraordinaria (de Álex e Jesús), na que dan voz e forma a un lote de personaxes sen perder en ningún momento naturalidade e ritmo. Mesmo utilizan os seus propios nomes para deixar constancia desa honestidade profesional que tan poucas veces vemos.

 

E non esquezamos esa coidada estética do material que usan para ambientar cada escena, eses rolos de tela coa historia inacabada do universo, esa primeira tea que contén a súa biografía familiar e vital, ou ese cúmulo de roupa sobre dos corpos inertes como alegoría do paso do tempo.

 

Ningún elemento e fortuíto. Todo nesta obra está pensado e medido con equilibrio para non excederse nin perderse nese sentimentalismo barato do que tanto se abusa no mundo do espectáculo.  Din os flamencos, cantantes e bos afeccionados, que para distinguir aos xenios tes que sentir unha especie de belisco nas entrañas. Eu onte sentín algo parecido vendo ese Eclipse total. Se queren xa poden apagar “Il mondo” ou poñelo en bucle. Grazas.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


No hay comentarios: