(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
VIVINDO FÓRA DA PAISAXE
(A propósito de “Impalpable” de Sambuseck)
SANTIAGO PAZOS
“Neste pobo non hai paisaxe”, di unha das intérpretes de “Impalpable”, obra baseada na vida e textos de Manuel Puig, o escritor arxentino de “Boquitas pintadas” ou “El beso de la mujer araña”. Unha frase que resume a desolación na que se encontran as mulleres protagonistas desta historia na que a única forma de fuxir da realidade asfixiante na que viven é soñar e esperar. Soños concentrados nunha pantalla cinematográfica na que a ficción é o azucre que axuda a que o tempo de espera pase e a ilusión de trunfo non desvaneza.
A época (anos 50), a dramaturxia, os diálogos, a vestimenta, o ritmo, a escenografía, a música, a cadencia verbal e interpretativa, semellan ser parte dun serial filmado en 16mm que se proxecta coma se fora un bucle recorrente para adormecer o tempo. É un tipo de teatro arcaico, amaneirado e aburguesado na forma e rebuscado e transgresor no discurso. Unha especie de contradición na que vive moita xente que loita por romper coas rutinas pero non ten galadas para facer a maleta e fuxir, incluso se foxe necesario, dun mesmo.
Como dicía Severo Sarduy en “Cobra”, a escritura é o arte de descompoñer un orde para compoñer un desorde. E no teatro esa dicotomía esquizofrénica é a caluga vertebral que o distingue doutras manifestacións artísticas. Por algo esa literatura neobarroca de Sarduy era tan teatral.
En Impalpable usan os zapatos de tacón para falar por teléfono. Unha exquisita licencia abstracta que define con perfección alegórica e ese personaxe, Manuel Puig, que mantén unha presencia intanxible durante toda a función.
Non considero que sexa esta unha gran obra para recordar eternamente, pero si gocei desa estética cinematográfica e da capacidade que ten esta compañía para conxelar o tempo. E considero preciso remarcar que os códigos de comunicación teatral teñen características particulares que dependen de condicionamentos que non sempre coñecemos.
O importante e mirar e escoitar con interese e aprehender. Como Javier, o xove camareiro da cafetería do Pazo, que sempre me insiste en que non sabe se lle gusta o teatro, ou non, pero desfruta moito de vernos a afeccionados e profesionais tan buliciosos e contentos cando hai función.
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario