FIOT 35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
LABORATORIO DE IDEAS
(A propósito de Micro Escenas Metro2 )
Santiago Pazos
Teño especial querenza por dúas seccións do FIOT, unha é
o Fioteen porque intenta espertar nos adolescentes o interese polo teatro con
obras que expoñen ese mundo de contradicións no que eles viven, e a outra é
Metro2 no que se dá a
oportunidade de desenvolver a súa creatividade diante do público á xente que
aínda está estudando ou que comeza a súa traxectoria profesional.
Un xeito de comprobar se vas por bo camiño, en que
aspectos tes que mellorar, como controlar os nervios que che produce o propio
reto ao que te enfrontas e ás miradas alleas que non sempre son compracentes. Todo
un cúmulo de sensacións que farán dubidar a os elixidos para participar no
concurso sobre do futuro que lles espera de seguir dedicándose ás artes
escénicas.
Polo xeral son ideas embrión con ambición de crecer.
Pequenos experimentos que, quizais, algún día se convertan en obras máis
completas. É o que pasa cos microrrelatos, partindo dunha frase, ou dun
parágrafo, puidera chagar a ser unha gran novela. Augusto Monterroso é un gran
especialista, podemos comprobalo neste: “Hoxe síntome ben, un Balzac; estou
acabando esta liña.” Xa ven o recorrido que pode ter esta frase. E as micro
escenas deberan tamén deixar aberta esa porta.
Parabéns! O certame cumpre dez anos levando o teatro a
espazos comerciais que non foron creados para esta actividade, o que ten
importancia porque os actores téñense que adaptar a escenografías impostas,
algo que lles obriga a agudizar a imaxinación.
Nos espectáculos deste ano, como nos nove anteriores,
houbo de todo, bo e regular. Eu destacaría, polas excelentes interpretacións, “Fogar”,
de la Tercera, no Parque Rosalía de Castro. E deixoume moi boa impresión a
idea, non tanto a realización, que desenvolve Alicia López Méndez en “A
vergonza era verde e comeuna unha vaca” que puidemos ver en Upa! Espazo Barefoot.
Houbo catro representacións máis, pero non entrarei en detalle. Esperaremos ao
resultado da votación popular.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA


No hay comentarios:
Publicar un comentario