miércoles, 28 de octubre de 2015

XOGRARESA 2015 (SUSANA DANS)

XXIV EDICIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO 
DE CARBALLO

ACTO DE ENTREGA DO GALARDÓN 
XOGRARESA DE OUTONO 2015

SUSANA DANS

TEXTO FACILITADO POLA ORGANIZACIÓN DO FIOT

Sr. Alcalde, Sr. Deputado de Cultura, Sr. Concelleiro de Cultura, amigos xograres Celso e Kukas -o resto desculpan a súa presenza esta noite porque, afortunadamente para eles, están traballando e non nos poden acompañar- señores e señoras:

Boa noite e sexan benvidos ao acto de entrega do Xograr de Outono 2015 que realizaremos deseguido, antes da representación do espectáculo “Presidente” da compañía Teatro do Morcego.

O Xograr de Outono é un nomeamento honorífico que o Festival Internacional Outono de Teatro outorga á persoa ou entidade que saliente pola súa traxectoria na promoción do teatro, un xeito de recoñecer o labor dos que contribúen xenerosamente a engradecer as artes escénicas, e, polo tanto, á cultura galega.

O xograr representa a figura máis sobranceira da tradición oral, como creador e tamén transmisor de historias, evocando un pasado do que nos gusta facer gala, porque esta tradición identifícanos como prestidixitadores da lingua, facéndonos renacer a todos os que queremos e cremos na nosa palabra, na nosa cultura e no noso país.

O galardón deste recoñecemento é unha creación en bronce, de inspiración rupestre, do artista galego Pablo Leal, que a organización elixiu polo seu carácter simbólico e alegórico á figura do xograr.

Os xograres son unha parte moi importante da alma do Outono de Teatro. Unha comunidade na que nos apoiamos e inspiramos para renovar os valores que personaliza o noso festival.

A elección do galardoado ou galardoada é responsabilidade compartida entre o colectivo de xograres e xograresas que se vai creando ano a ano, e da organización do festival.

A todos eles, agradecemos o seu compromiso e fidelidade porque, este galardón, estritamente honorífico, comprométeos como embaixadores do FIOT e fainos responsables de futuras eleccións.

Como xa todos vostedes saben, o festival concede nesta vixésimo cuarta edición o Xograr de Outono a Susana Dans, a actriz herculina, dama da escena galega, cunha longa traxectoria enriba das táboas pero tamén fóra delas, cunha importante presenza nos medios audiovisuais.

Susana Dans inicia a súa andadura no mundo do teatro da man do seu mentor Miguel Pernas e do director Manuel Lourenzo na Compañía de Luís Seoane en 1986. Desde entón tivo moi claro cal sería a súa vocación á que se entregou por enteiro traballando cos mellores directores e coas compañías máis importantes de cada momento.

Ao longo da súa traxectoria profesional, Susana Dans, ten participado en máis de trinta producións teatrais, a maior parte co Centro Dramático Galego, da que a propia actriz salienta a importancia que tivo para ela traballar na compañía institucional de Galicia baixo as ordes do seu gran mestre Xan Cejudo, que a dirixiu en producións como A pousadeira ou a Burla do Galo. Pero a traxectoria da nosa nova esa co CDG non remata aí e continúa traballando nesta entidade baixo as ordes de directores tales como Roberto Vidal Bolaño, Eduardo Alonso, Manuel Guede, Ánxeles Cuña, Quico Cadaval ou Cándido Pazó (algún deles Xograres de Outono) en inesquecibles pezas como As Dunas, A piragua, Rosalía, Lisístrata ou Noite de Reis,espectáculo do que poidemos gozar no FIOT, recoñecido por todos vostedes co Premio do Público.

Fóra do Centro Dramático Galego, Susana Dans puxo o seu talento interpretativo nas mans doutros condutores e compañías. Un exemplo son producións como ER (algún día traballaremos xuntas), O cerco de Leningrado ou Vellos Tempos de Teatro do Atlántico baixo a dirección de Xulio Lago. Outra importante colaboración foi coa compañía que esta noite nos acompaña, Teatro do Morcego, na función O club da calceta, unha espléndida peza teatral de María Reimóndez dirixida por Celso Parada (outro dos nosos xograres que hoxe veremos en escena).

E se de xograres se trata esta noite, non quería deixar sen citar o primeiro deles, Roberto Vidal Bolaño, co que a nosa homenaxeada tivo a gran fortuna de traballar na montaxe Saxo Tenor do dramaturgo e tamén director e creador da compañía Teatro do Aquí.

As compañías Uvegá Teatro e Vicente Montoto, Kukas Producións Artísticas ou Teatro da Lúa tamén contaron entre o seu elenco coa participación de Susana Dans en diferentes obras teatrais.

Cabe salientar que, como emprendedora, cofundou xunto a Susana de Lorenzo en 1992 a compañía Pífano Teatro, na que participaría en varias propostas e onde Susana daría renda solta a outra das súas habilidades, o canto. Aínda que non era a primeira vez que se dirixía ao respectable entoando: proxectos de cabaret en solitario, cancións para os Monicreques de Kukas, traballos co magnífico compositor Nani García ou concertos didácticos para a Orquestra Sinfónica de Galicia, son traballos que forman parte do seu currículo como cantante.

A presenza escénica de Susana Dans fixo que tamén o seu traballo chegara ao cinema en varias curtas e longametraxes e, por suposto, á televisión onde todos a recordamos en series ou filmes como Pratos Combinados, O Club da Calceta, “A condesa rebelde, Emilia Pardo Bazán” e nestes momentos no papel da Irmá Úrsula na serie da TVG Hospital Real.

Co regusto do éxito acadado coa eloxiada creación de Cándido Pazó As do peixe de Abrapalabra Creacións Escénicas que lle valeu o María Casares 2014 á mellor actriz protagonista, Susana Dans suma ao seu palmarés o quinto María Casares (nas disciplinas de actriz protagonista ou de reparto), o máximo galardón que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia nas artes escénicas, así como o Mestre Mateo por interpretar a Emilia Pardo Bazán na serie da TVG ou o Maruxa Villanueva por Mulleres.

Moitos son os méritos que fan de Susana Dans merecedora deste galardón, que recoñece o seu labor teatral como dama da escena galega. Susana é, polo tanto, unha actriz de referencia na escena Galega, por poñer en valor a arte da interpretación e por contribuír a dignificar esta profesión.

Correspóndelle a un dos xograres presentar á nova integrante desta comunidade, neste caso o labor recaeu nun dos que mellor coñece a Suana Dans, porque tiveron a sorte de traballar xuntos, o dramaturgo e director Cándido Pazó (Xograr de Outono 2009). Como xa dixen ao inicio, por motivos laborais non pode asistir esta noite pero, no seu nome a Presidenta de ESCENA GALEGA (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), Dna. Belén Pichel, lerá no seu nome e en representación dos xograres, a benvida que Candido preparou para a nova xograresa.

En nome da organización do Festival Internacional Outono de Teatro, Antón Rodríguez, Secretario da Asociación Cultural Telón e Aparte dará lectura ao diploma que recoñece o título de xograr.

A continuación Xosé Regueira, Deputado de Cultura da Excelentísima Deputación da Coruña, fará entrega do Xograr 2015 a Susana Dans e que recollerá, a propia galardoada.

Para rematar, agradecer, de novo, o apoio de todas aquelas persoas e entidades que colaboran coa organización do Festival Outono de Teatro de Carballo e, como non, a súa presenza esta noite e desexarlles que gocen co espectáculo Presidente que, baixo a dirección de Xosé Prieto, representará a Compañía Galega Teatro do Morcego.

Longa vida ao teatro e ata o ano que vén, no que o FIOT cumpre o seu 25 aniversario. Boa noite.

No hay comentarios: