lunes, 7 de octubre de 2019

FIOT 28 - MIRADAS (2)

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

MIRADAS FIOT (2)

DIVERSIDADE

SANTIAGO PAZOS

  
Sempre digo que o máis importante nun monólogo é ter unha historia que contar, un relato ben argumentado aínda que sexa tan estrambótico que non engane nin a un neno de tres anos. E tan importante, xa que hai que entreter e intentar gustar a un determinado público, é contalo de xeito que os adornos que utilizas para transmitir esas historias sexan só un complemento e non se converten no protagonista principal do espectáculo.



SESIÓNS DO MERCADO


RODRIGO CUEVAS
“Trópico de Covadonga”
Mercado Municipal

Acordo ter visto, aló polo ano 78 do século XX, a Paco España nun pequeno Cabaré  da praza de Atocha en Madrid. Era o primeiro transformista popular, e mesmo famoso, nesa época da transición democrática, da conquista das liberdades. A súa canción máis emblemática repetía “libérate, libérate...”. Nese espectáculo comentaba que tiña moita sorte porque no pais enteiro había un montón de transformistas que non a tiñan, que actuaban en antros escuros e case clandestinos arriscándose a sufrir represalias e ser insultados.

Descoñezo que foi de Paco España, (por certo, declaraba ser heterosexual aínda que maioría dos colegas de profesión fosen homosexuais), pero si sei que o seguinte artista dedicado a ese tipo de petardeo foi, é, outro Paco. Neste caso Clavel, un artista recoñecido que me honra coa súa amizade dende hai tres décadas e que espero visite Carballo nalgún próximo FIOT.

Sirva esta longa introdución para certificar que os tempos están a cambiar a visión e aceptación que a sociedade moderna e democrática ten en torno a grupos de xente diversa que non necesitan permiso de ninguén para existir, que han de ser respectados e gozar dos mesmos dereitos que o conxunto da poboación

E tamén para felicitar a Rodrigo Cuevas, que dende parámetros, estética e referentes distintos conseguiu poñer en pé ao público carballés cun espectáculo que defende os mesmos dereitos que eses outros artistas nomeados defenderon en momentos bastante máis adversos.

Rodrigo é máis sofisticado e moderno, aínda bebendo de fontes musicais e da danza de tradición asturiana e galega, por certo, pouco habituais neste tipo de espectáculo “viciado”, polo xeral, de batas de cola, faralaes, Sara Montiel ou Rocio Jurado, pero sen perder ese imprescindible toque transgresor, provocador e reivindicativo. Sobresaínte.
 


TEATRO DE RÚA


CÍA SINCRONACIDAS
“OhLimpiadas”
Praza do Concello

Ter entretidos, contentos e participativos a unha manchea de cativos é unha conquista importante. E conseguírono estas dúas artistas coas súas acrobacias, os continuos cambios de roupa e de roles. Con simpatía e humor amosan un mundo no que a realidade é plastilina moldeable coa que podes facer castelos no aire.  Ben.




JEAN PHILIPPE KIKOLAS
“Calor”
Praza do Concello


O forte deste actor, clown, mimo, viaxeiro, refuxiado e ser humano entrañable é a tenrura extrema. Todos os que fomos a ver este espectáculo, sen excepción, cativos e maiores sentimos que a inxustiza máis grande deste mundo é a falta dese calor humano imprescindible para subsistir e que unha carantoña que arrinca un sorriso é o alimento con máis vitaminas que existe neste mundo. Sobresaínte.


RÚA DOS CONTOS
(Noites de RÚA CHEA)




PATTY DIFUSA
“Sexo seguro. Seguro? Seguro!”
Stars Café Bar


Xa dicía ao principio que hai que ter unha historia e saber contala. Supoño que bautizarse como ese personaxe de Fabio McNamara nas películas de Pedro Almodovar é un convite á provocación e a sátira decadente e mordaz, mais o resultado non alcanza ese nivel de crueza.

Neste caso, a irreverencia iconoclasta é substituída por un tipo de humor pedagóxico, seguramente necesario, pero non suficientemente armado narrativamente como para petiscar esas conciencias pías que pretendemos conmover, nin para provocar esas risas sarcásticas do falso pudor cando se nota atacado.  Un aprobado raspado con esperanza.  





MJ PÉREZ
“Casandra”
Cervexaría La Bombonera

Esta primavera vin a MJ na Biblioteca Rego da Balsa presentando o seu último traballo. Foi nese Curruncho Pop que organiza con tanto acerto o amigo Xabier Graña. E onte escoiteina estupendamente acompañada polo violín de Ailen Kendelman. Gústame ese descaro tan verdadeiro co que canta e tamén ese pop luminoso, tan agradable de escoitar. Esas ganas de divertir dende a intelixencia de letras que proceden dun compromiso vital alegre e comprometido. Notable  



Saúde y larga vida

No hay comentarios: