martes, 29 de octubre de 2019

HAMLET

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO

TEATRO EN ESTADO PURO
 (A propósito de “Hamlet” da Companhía do Chapitô)

SANTIAGO PAZOS
O que fai a Companhía portuguesa do Chapitô é teatro en estado puro. Adaptación e interpretación creativa  dun texto potente, nesta ocasión “Hamlet” de Shakespeare. Expresión corporal e xestualidade enxeñosa, sen moitos artificios, máis ben inclinando a balanza cara a sinxeleza, son as súas sinais de identidade. Con catro focos de luz situados estratexicamente nun escenario baleiro e uns elementos cotiás que forman parte do propio vestiario, neste caso garabatas, que se transformarán en múltiples utensilios son capaces de crear un mundo no que pode pasar calquera cousa que sexa necesaria para expresar o que se ten que contar, ata a brisa xélida dunha ánima que pasa desacougada.

Sitúan Hamlet na actualidade, nunha multinacional chea de traballodor@s traxead@s, sen perder fidelidade a trama marcada polo autor. Asasinatos, traizóns, vinganzas, amor, dolor e honra seguen a estar presentes aínda que presentados dende un óptica desenfadada, e por momentos cómica, que racha con esa visión litúrxica e arrogante da traxedia.
Xa digo. O escenario está baleiro de obxectos superficiais.   Os focos de luz son unha porta xiratoria, un ascensor, ou a foxa dun cemiterio. As garabatas serán armas, pas, ou teléfonos móbiles, entre outras moitas cousas. E eles, os actores, fundamentais, son personaxes ambivalentes e versátiles, corpos dúctiles cunha capacidade extraordinaria de transformación para asumir, con facilidade, roles escénicos cheos dunha imaxinación desbordante. Xeniais.
É a cuarta vez que veñen ao FIOT e nunca defraudan. Estou seguro de que seguirán vindo porque son teatro de verdade, sen artificios, feito cunha intelixencia sobresaínte. Imprescindibles e excepcionais. Poderemos ver, e xa temos visto, moitas adaptacións de Hamlet, pero coa personalidade que lle imprimen os de Chapitô non atoparemos moitas. Parabéns para todos os que forman parte deste proxecto teatral tan relevante e ao FIOT por confiar neles.  


Saúde y larga vida…

No hay comentarios: