domingo, 27 de octubre de 2019

O ELECTO

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO

CUESTIÓN DE CONFIANZA
 (A propósito de “O electo” de Contraproducións e Focus)

SANTIAGO PAZOS


Ás veces, coma onte na estrea de “O electo”, un atópase en situacións non preconcibidas que lle permiten acceder a información privilexiada. Na fila de abaixo estaba sentado o autor da obra orixinal, o actor e escritor Ramón Madaula, e na butaca de enfronte podía observar con detalle a Cándido Pazó, director e creador desta versión en galego. Ramón atendía expectante a todo o que acontecía no escenario. E Cándido, penso que feliz e nervioso a un tempo, repetía para os seus adentros os diálogos que os actores ían tendo.

Ramón Madaula e Cándido Pazó ao finalizar a estrea

Cabe destacar que esa actitude de Cándido Pazó di moito sobre esa paixón e compromiso profesional tan forte que ten, consigo mesmo e cos espectadores, en cada obra que dirixe ou interpreta. Pode gustarche ou non, podes considerar que acerta ou erra, pero notas que cada traballo está feito cunha seriedade cabal e contrastada. Tamén con afecto. O traballo artístico precisa deses dous compoñentes, razón e sentimento. E Cándido Pazó, na súa traxectoria artística como contador de historias, dramaturgo e director teatral, tennos acostumados a darnos a ración equilibrada de cada un deles segundo o baremo que considera axeitado.

E nesta ocasión demostra que coñece moi ben a xente da Galicia na que vive e que domina os rexistros humorísticos que a fan rir a gargalladas. Sen necesidade de meter o coitelo para facer sangue innecesaria deixa ao descuberto, de xeito sutil, vicios e virtudes, particulares e comunitarias, que todos coñecemos. É certo que non se complica buscando elementos rebuscados, lévanos directamente a ese territorio cómico co que todos estamos familiarizados. E anque dito así parece sinxelo, non é tal. Hai que dominar esas ferramentas, como fai Cándido, para que o resultado teña o acollemento pretendido.


Esta é unha comedia que trata sobre a personalidade dun político ao que un tic accidental, produto da inseguridade , non lle permite asumir a condición de Presidente da Xunta de Galicia para o que foi elixido. Eiva que será tratada por un psiquiatra que cuestionará todas as convencións ás que a política real nos ten acostumados, cunha terapia na que os enredos dialécticos, a través de áxiles e retranqueiros diálogos, van poñendo ao descuberto os profundos motivos dese defecto.

A todo isto temos que engadir, seguindo esa lectura que a propia obra propón, que o “medo a ter medo” funciona  como metáfora da propia conciencia e que para liderar  con convicción unha sociedade é preciso certo delirio que enmascare a hipocrisía na que as propias relacións sociais se desenvolven.

E se a todo isto lle sumamos que conta con dous actores, Manu Baqueiro e Antonio Mourelos, que están espléndidos defendendo personaxes que xogan con referentes coñecidos cun estilo moi persoal e convincentes, o futuro de éxito está asegurado. 

Como ven, todo é unha cuestión de confianza...


Nota ao marxe: Só por curiosidade acudín a ver a reacción do público na segunda función que ofreceu o fIOT e teño que dicir que os aplausos e “bravos” foron, como no día da estrea, unánimes. 
Parabéns.  




Saúde y larga vida…

No hay comentarios: