lunes, 7 de octubre de 2019

MEDIDA X MEDIDA

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO

A NOBRE ARTE DE XOGAR AO DESPISTE
(A propósito de “Medida X Medida” de PT Excéntricas)

SANTIAGO PAZOS



Intentando provocar as mesmas sensacións que sentín na estrea, mentres escribo estes comentarios escoito de fondo a samba de Tom Zé, esa vía de escape que, “en aparencia”, nos regala Quico Cadaval en “Medida X Medida” para facernos máis cómodo o tránsito que temos obriga de percorrer entre a farsa e o drama. Un teatro de sombras, como sinalan no programa de man, no que gañar e perder terminan confundíndose e confundíndonos.

E digo “en aparencia” porque Cadaval, nesta montaxe, xoga permanentemente ao despiste. Algo que aínda estando xa no propio texto de Shakespeare, de aí a súa complicada catalogación, Quico acentúao, remarcando as contradicións, con ese estilo seu tan característico que consiste en levarte de excursión dende Carballo a Ribeira pasando antes pola Mariña lucense e facendo unha agradecida parada para encher o bandullo en Monforte de Lemos. Un nobre e difícil arte que, como ten demostrado na súa larga traxectoria, tanto como monologuista como director, domina perfectamente.


Mais por unha vez, e sen que sirva de precedente, non quero ser eu o que destripe esta obra, senón que me van permitir que fusile parte do texto que aparece no programa de man porque nel, conciso e clarificador, non só está explicada con claridade a lectura que PT Excéntricas fan de Medida X Medida, (supoño que coa autoría do propio Quico Cadaval), senón que inclúe tamén as claves da propia montaxe:
“Shakespeare nunca foi tan deliberadamente ambiguo como nesta comedia sombría, este thriller poboado de pallasos. É unha peza que se compón de elementos sinistros, que convocan os nosos peores fantasmas, e de alivios clownescos que non chegan nunca a provocar a gargallada infantil da comedia, apenas un sorriso rasgado”...
“Todas as personaxes do xogo son igual de importantes que o condenado: todas son protagonistas dun íntimo e secreto drama corren para salvar as súas vidas. Nesta louca carreira non se distingue o xuíz da prostituta, o crego do proxeneta, a romántica do represor, o misioneiro do ditador, o burócrata do asceta, a vítima do vividor, a pureza da crueldade...” E conclúe, “Medida X Medida deslúmbranos e ofúscanos alternativamente. E ficamos sen saber moi ben o que pensar, sen mensaxe final, sen moral”...


Xa ven que non necesita máis aclaracións porque é, en todos os sentidos, suficientemente explícito. Por iso, a  min como espectador, só me queda engadir unhas poucas apreciacións de tipo persoal que atinxen aos diversos factores que compoñen a posta en escena. Como por exemplo:
Que esas cintas que circundan o espazo escénico a modo de barrotes carcerarios, e que delimitan a suposta fronteira entre a farsa e a realidade, son un acerto do decorado que favorece esa sensación de tenebrismo amortecido. Que o traballo musical e vocal dos actores é admirable. Que nunca vin tan crible un personaxe representado por Evaristo Calvo, (e teño visto uns poucos), que está soberbio no papel de Duque. Que tanto Víctor Mosqueira como Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez, están metidos de cheo en personaxes que parecen escritos para eles nese rexistro de comediantes que, calquera deles, dominan con soltura. E que tanto Melania Cruz como María Costas quedan un tanto desdebuxadas e necesitan, penso, subir un pouco o ton nas súas interpretacións.

En canto a dirección, quizais, só quizais, este sexa, xunto a “Bobas e galegas”, o mellor traballo de Quico Cadaval como director, se exceptuamos a excepcional “Noite de Reis” que fixo para o CDG.

Notable e totalmente recomendable coprodución do FIOT.


Saúde y larga vida…





No hay comentarios: