martes, 1 de octubre de 2019

FIOT 28 - MIRADAS (1)

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

MIRADAS FIOT (1)

PARA ABRIR BOCA ABONDA

SANTIAGO PAZOS



Aínda que xa levaban uns días rolando por escenarios estudantís as compañías Apatacón e Galeatro, nesa gran aposta que a organización está a facer para formar e captar espectadores nos terreos dos teenagers a través do Fioteen, esta fin de semana, coas primeiras funcións da Rúa dos Contos e de Teatro na Rúa comezaba oficialmente o FIOT 28 con gran éxito de público.

E tivo lugar tamén a “Noite branca no teatro”, unha actividade inclusiva para cativos, (participa a Asociación de persoas con necesidades específicas “Aloumiños”), única e innovadora no eido teatral. Un grupo, non moi numeroso, acampa toda unha noite no escenario do Pazo da Cultura para descubrir dende dentro ese mundo de fantasía no que a realidade pode ser modelada a maneira do artista que cada un deles leva dentro. Unha experiencia que, penso, non han de esquecer.  



TEATRO DE RÚA


XAMPATITO PATO
“Só”
Praza do Concello

Un espectáculo de malabarismo cómico que se pode encadrar nesa disciplina que dan en chamar “Novo circo” e que, dende o meu punto de vista, consegue engaiolarnos con esa estética, un tanto minimalista, de caixas polivalentes. Equilibrista limpo e elegante en cada movemento que fai. Amosando a súa capacidade de expresividade abstracta dun xeito tan sinxelo que te transporta a ese mundo, ou estado de confianza, no que todo ha de encaixar con perfección. E así, como sen pretendelo, vai arrincando sorrisos nos espectadores de todas as idades. Notable.




RÚA DOS CONTOS
(Noites de RÚA CHEA)



PEDRO BRANDARIZ
“Un conto de michos”
Biblioteca Rego da Balsa

Este polifacético cómico forma parte do FIOT dende que comezou a súa variada e rica traxectoria. Sempre facendo da necesidade virtude e crecendo como actor en cada espectáculo no que participa. Aí está como exemplo “Papar sen cancelas” con Fran Rei e Isabel Risco, que puidemos ver o ano pasado.
Nesta ocasión enfeitizou a un bo lote de cativos e aos pais que os acompañaban cunha sinxeleza salientable. Con pedagoxía, sensibilidade e moito corazón. Ben.





XURXO SOUTO
“O océano de dentro. Carballo mollado”
Valle Inclán Café

Cando falamos de Xurxo sabemos que estamos a tratar sobre un referente de moitas loitas, dunha actitude ética e comprometida con todo o que atinxe a terra na que vivimos e tamén co mar, o noso mar (medre!) e os nosos mariñeiros, xentes de ida e volta polo mundo enteiro traballando e deixando pegada inesquecible aló onde a necesidade e as correntes os levaran.
Veu falar de todo iso que coñece de primeira man por ter falado e se ter interesado por canta anécdota e vivencia tiveron e teñen eses precursores da globalización que foron e son os nosos mariñeiros.
Historias de mar a dentro aliñadas con música  e participación do público. Xurxo é unha cicloxénese explosiva de sabedoría que sempre te sorprende e do que sempre aprendes. Notable alto.   




LAURA VILLAVERDE
“Chola a it girl” de ArtesaCía
Casino 1889

Chola é unha muller de bandeira en todos os sentidos coma personaxe. E, por suposto, tamén o é a actriz que a interpreta porque constrúe dende a virtualidade unha personalidade realista e crible, aínda que sexa un ser edulcorado e tuneado.
A compañía ArtesaCía acerta de pleno ao por de manifesto que na sociedade globalizada o tamaño do lugar no que vives non é un impedimento para poder converterte nun referente mundial sempre, claro, que aprendas a utilizar e manipular os instrumentos que esta nova sociedade pon a túa disposición.
Unha proposta divertida, feita con desenfado, que defende esa dubidosa capacidade de desdobramento vital e psicolóxico que o mundo virtual ofrece.
Penso que esta obra ten eivas. Por exemplo non tratar en ningún momento aspectos como o illamento e a soidade física a que moita xente se condena cando a virtualidade se converte nunha abdución. Tampouco creo que a súa pretensión fora outra que romper certos estereotipos rurais que xa están superados pola realidade. Un traballo elaborado dende unha complicidade cómica co espectador que funciona de xeito aceptable. Seguramente, de poder, repetiría por ver se me perdín algo. Notable. 





BLUES DO PAIS
“En concerto”
Pub O Patacón

A quen non lle gusta un blues ben tocado e estupendamente cantado? Pois se por riba lle trocas a letra con gracia e retranca ao teu antollo, que máis podes pedir?
A xente que acudiu a ver a esta parella de musicómicos pasouno en grande, aínda que persoalmente, sendo sincero, paréceme que despois da primeira hora pecan por exceso en todos os aspectos. Ben, pero...



 

CARMEN CONDE
“Premios Darwin”
Cafetería Colón

Con Carmen Conde pásame unha cousa que me cabrea moito. Vexo que trae historias e anécdotas máis que interesantes, divertidas e curiosas, que ela faino cunha extraordinaria delicadeza, que o ton de voz que utiliza acaricia e reconforta, que quere gustar e chegar ao público con naturalidade, mais sen embargo non me fai vibrar por falta de calor. Noto que actúa, que o que conta e un conto lido, que lle falta forza. Xa digo, será cousa miña, unha mágoa. E aínda así ben...Pero...




TITO ROBER
“Vida e milagres do zume de laranxa”
Cervexaría Beos

Desculpen se fago unha reflexión pedagóxica en vez dunha crítica teatral. Porque podemos dicir que nese último aspecto, Tito Rober, cumpre perfectamente. Conta con soltura, atrevemento e desenfado.
O problema tampouco reside en se un di máis ou menos porcalladas. Gústame e paréceme ben todo tipo de humor, xa sexa branco, verde ou negro, incluso o máis escatolóxico que se poida facer. Aínda que sempre dependendo do lugar e do momento. Xa digo, non teño nada en contra. Divírtenme dependendo das circunstancias.
Mais deixando todo iso a un lado, penso que o problema radica en que neste tipo de monólogos no que se parodian comportamentos e modelos educativos, familiares e sociais, que hoxe en día están afortunadamente rexeitados por denigrantes, ten que quedar claro que as referencias dos mesmos non son feitas dende a condescendencia.
Quede claro, por suposto, que todo o que se refire ao mundo creativo é discutible e nunca debe ser censurable.    




OSWALDO DIGÓN
“Anecdoloxía”
Mesón do Pulpo

Aquí temos un tipo aparentemente corrente, (se deixamos aparte a estatura física e esas mans tan expresivas e potentes),  que se sobe a un escenario e se pon a contar historias coa mesma naturalidade que o faría sentado cun grupo de amigos mentres se toma unha cervexa.
Un monologuista sen artificios que describe arquetipos de personaxes do noso mundo cotiá cun estilo sinxelo e unha comicidade tremendamente efectiva, basicamente porque consegue que o espectador se sinta cómodo aínda cando é interpelado para que forme parte dun espectáculo que escapa de toda ampulosidade.  Boas artes administradas con intelixencia. Notable





SESIÓNS DO MERCADO


CARLOS BLANCO
“Os mellores monólogos”
Mercado Municipal

Non teño dúbida sobre a gran valía e nivel artístico de Carlos Blanco. Penso que temos que recoñecerlle unha traxectoria rica e creativa na que nos fixo rir mentres levantando a saia da nosa mesacamilla deixaba ao descuberto virtudes e vergoñas da idiosincrasia galega.
30 anos con espectáculos memorables, só e acompañado, como os que fixo con Manecas Costas, con Luís Davila ou con Touriñán. Monólogos e personaxes que permaneceran na memoria cómica colectiva de Galicia.
O domingo, en Carballo, quizais non estivo xenial pero mantivo un bo nivel, sen defraudar e mesmo engaiolando a seguidores fieis que non deixaron de rir durante todo o espectáculo. Pese a comezar, xusto é recordalo, amoestando de xeito pouco elegante, ao meu modo de ver, a unha pequena parte do público que murmuraba no comezo da actuación.
Mentres afeaba o comportamento de parte do público carballés, recordei o cabreo que pillei naquela actuación na Cervexaría Dublín, no ano 2010, que él mesmo evocou por mor da perda dunha suposta dentadura que lle regalaron aquel día, polo tremendo retraso ao que nos someteu sen trasladarnos ningún tipo de xustificación.
Certo é que non deixa de ser unha apreciación persoal e circunstancial. Xa digo, insisto, ten todo o meu recoñecemento e seguirei acudindo a gozar dos seus monólogos sempre que poida. Pero quero sinalar que a grandeza e importancia do santo non depende do tamaño da peaña.

Saúde y larga vida

No hay comentarios: