viernes, 4 de octubre de 2019

XURXO CHAPELA

ADOS/ADOS


XOSÉ ANTONIO ANDRADE FIGUEIRAS/SANTIAGO PAZOS


SOBRE “MUDANZA” DE XURXO CHAPELA






INTRODUCCIÓN

SANTIAGO PAZOS

Di Ramón Vilar Landeira, (autor de “Os televisores estrábicos” e “Un peixe no parqué”, libro de recente publicación e de obrigada lectura), que “falar ben dos amigos pode parecer prevaricación, pero non recomendar con paixón este excelente libro de poemas de Xurxo Chapela, editado por Francisco Macías, sería dunha deshonestidade pornográfica”.

E eu, que sempre defendo con entusiasmo calquera tipo de teoría pornográfica, ou case tanto como as teorías científicas forenses e criminalistas, penso que sería un crime non falar aquí de “Mudanza”, un libro de poesía que está a provocar en críticos e lectores un certo estado de alteración do que temos que felicitarmos porque é un indicio de que esta sociedade aínda non está totalmente infectada pola gangrena materialista. Debater sobre poesía é falar de sentimentos. Algo exótico nestes tempos de mudanzas nos comportamentos sociais e na revolución que se está a vivir nos modos e instrumentos que ten a humanidade para relacionarse.
   
Como  exemplo de ese estado de polémica e raro entusiasmo literario, tratándose por riba dalgo tan vaporoso como pode ser a poesía, sirvan estes comentarios do mesmo Xurxo Chapela en referencia a uns comentarios críticos sobre da súa Mudanza: “Como todo non vai ser chucharnos as pirolas entre colegas (e mentres melloro a miña autoestima), tedes a maese Santiago Jaureguizar para avisarvos de que #Mudanza son só "frases brillantes", pero "máis intención que logro". Polo demais, mestre, "o que fala non é o que escribe nin o que escribe é o que é", como Roland Barthes e calquera tripitidor de ESO saben”.

Xa ven que o debate literario está servido e, penso, que a polémica musical está por vir xa que Xurxo sempre se empeña en ofrecernos unha persoal banda sonora na que se retrata de oído. De aí que pedise a colaboración dun bo amigo, escritor que acaba de publicar "Nas cortinas do tempo" e compañeiro de conversas para que me acompañase nestes comentarios de “Mudanza”.






O UNIVERSO POÉTICO DE CHAPELA

XOSÉ ANTONIO ANDRADE FIGUEIRAS

Levo cambiado de domicilio vinte e tres veces na miña vida. Pensaba que sabía algo de mudanzas, mesmo daquelas en que os enseres da alma van directamente ao vertedoiro existencial. Pero non. Non despois de facer unha lectura (médico)forense da Mudanza de Xurxo Chapela. No inventario do desamor hai mobles que non saen pola porta sen antes dinamitalos. E o autor mantén un afecto tan aditivo por algún deles que opta por derrubar a casa, con tal de gardar o contido. Xenial.

A penas sei nada de poesía. A dicir verdade, non leo moita. Suponme un sobreesforzo de atención que non esixen, polo xeral, os textos en prosa. Tal vez non sexa alleo a esta miña carencia o feito de que a miúdo acaben na mesiña de noite poemarios que nunca deberan saír do caixón dos “vaiapordiós”. Hai xente convencida de que un dicionario de sinónimos, un espírito melancólico e media ducia de cervexas conforman a tríade de ferramentas para unha lírica de desmaio. A outros chámalles moito a atención o bardo postmoderno que “deseña” poemas-tetrix, a base de deixar caer sobre do papel letras de cores combinadas, que acaban facendo bonito. Atrévome a dicir que a obra poética de Chapela é a antítese de tan pobre concepción creativa.

O libriño de Xurxo está sementado de expresións tan curtas como maxistrais. Algunhas delas condensan en catro ou cinco palabras todo un universo poético, que algúns abofé escolleriamos como persoal epitafio: A vida fixo augas... Son un home deshabitado... Quixemos tremer para pasarnos a limpo... Fozar na quincalla sentimental... O amor está nos ósos... En fin, para o meu gusto e deleite, velaí poesía bravía pero pura, sazonada pero sen adobos nin prebes innecesarios. Dura, mesmo escatolóxica por veces, pero auténtica.

Mesmo sen coñecer persoalmente ao autor, máis aló de puntuais saúdos de cortesía, confeso a simpatía que me inspira. E diría que me solidarizo na súa defensa da autonomía emocional das fins de semana.
Con permiso, mestre:
“Non che volverei pedir permiso para un venres: a vida pode seguir sucedendo sen o  teu consentimento”.






SENTIMENTOS PURGANTES

SANTIAGO PAZOS

A primeira referencia literaria que teño de Xurxo Chapela é un poema publicado na revista “A regueifa” publicada por Lumieira no ano 1999, titulado “Despedida”, (curioso título, cando imos falar de “Mudanza”, despois de vinte anos), e que tamén leva como referencia uns premonitorios versos de Ramón Irigoyen (“Están a asasinarte pola espalda e cres que te aloumiñan”).

De feito, pola temática, ese poema encaixaría perfectamente dentro deste novo poemario. Non tanto polo estilo, claro, xa que se nota en “Mudanza” unha madurez e un dominio da lingua e da prosa poética máis elaborado e conciso. Aínda que el sosteña que toda literatura é un artificio, parece agora menos forzado ese exercicio de describir toda esa podremia que é preciso extirpar, de cando en vez, para poder sentirmos, senón totalmente sans, alomenos limpos para unha temporada.

Non quere dicir isto que o poeta quedara estancado nun bucle existencial do que non ten forma de saír, nin moito menos. Só que ás veces teño a impresión de que vivimos presos de sentimentos que  exixen ser expresados dalgún xeito que non acabamos atopar, de darlle forma. Experiencias carcerarias no eido da sensibilidade e os sentimentos, unha chea de desacougos que é necesario vomitar. E teño que dicir que Xurxo vomita ben, non sei se despois lle serve para algo, (eu espero que si). Por iso, en certo modo, penso que este libro é un excelente purgante para curarse dos fracasos sentimentais, ou polo menos un bo intento de inocularse contra eles feito dende a ironía aceda do que sabe que nas rupturas todos os sorrisos transfórmanse en acenos petrificados.

Teño debatido con algún autor (Paco Souto, por exemplo) sobre a verdade e a mentira na poesía e sempre prefiro quedarme con esa sentencia do amigo poeta Modesto Fraga cando afirma que “a poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía”. E dicir, que máis aló de se o que contas procede de experiencias persoais autobiográficas o importante  é que non escribas dende a pose e a impostura.

Bo exemplo desa poesía que procede de dentro das entrañas son "Mudanza" e, por suposto, “Primavera de navallas”, o mellor e máis redondo libro de Xurxo, polo de agora, segundo a miña opinión.

Saúde e larga vida...



No hay comentarios: