martes, 15 de octubre de 2019

FIOT 28 - MIRADAS (3)

(FIOT 2019)
28 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

MIRADAS FIOT (3)

O TEATRO SÍ É UN ACTO INTELETUAL

SANTIAGO PAZOS

  
Despois da estupenda interpretación que fai en “Jauría”, ao recoller o Premio do Público do FIOT pola obra “Iphigenia en Vallecas” que protagonizou o ano pasado, escoitei a María Hervás dicir que o teatro non é un acto intelectual, que só é un acto de vida, de realidade. Supuxen, intentando interpretala, que quería referirse a que o teatro non esta feito só para unhas elites intelectuais, que é unha arte que fala das experiencias cotiás e que trata dos asuntos que nos afectan directa ou indirectamente, xa sexa dende un aspecto sentimental ou material.

Interpretala, claro, non é estar da cordo. Penso que todo acto no que se reflexiona racionalmente sobre calquera asunto é un acto indiscutiblemente intelectual. E o teatro, aínda que se fixera para un público pouco ilustrado, é un acto reflexivo e polo tanto intelectual.

Xa digo, dou por feito que María quixo incidir no aspecto popular e próximo as inquedanzas da xente nas artes escénicas e non reparou suficientemente no que estaba a afirmar. Tamén é certo que a emoción do momento mandaba sobre calquera outra consideración cultural.

O caso é que, a parte de felicitar a María Hervás polo seu traballo de interpretación tan excelente, esa afirmación venme moi ben como introdución dos diversos estilos de facer monólogos que vimos esta fin de semana na Rúa dos Contos.   







RÚA DOS CONTOS
(Noites de RÚA CHEA)



MARÍA DA PONTRAGHA
“A volta dos contos”
Café-Bar Ranqui


O estilo de María da Pontragha é claramente antropolóxico. Así que por forza é un acto intelectual o que fai cando recupera os contos de vello e os acompaña de cantigas tradicionais.
Nos seus comezos profesionais veu contar a Carballo e os nervios xogáronlle unha mala pasada. Non puido lucirse, pero son cousas que pasan. O importante é medrar e seguir contando.
Mais desta volta, dixo en alto “aquí estou eu”. Así, ás bravas, como se debe facer cando unha sube enriba dun escenario. Contou con seguridade e con personalidade, sen perder esa sinxeleza que reflicte a verdade. Gustoume.






3 PATAS
“Comedia improvisada”
Bulevar Music Café

A improvisación ten uns riscos tremendos, hai que ter unha capacidade de reacción moi forte para non defraudar e que o espectáculo teña unha continuidade cómica áxil e dilixente. E dicir, hai que ter unha capacidade intelectual e un fondo de armario en canto a recursos dialécticos e teatrais ben equipado. Neste caso non estiveron a ese nivel de exixencia. Terán que mellorar.







FEDERICO PÉREZ
A Barra Bar


Teño visto (era) a Federico Pérez en moitas ocasións, xa sexa en directo ou en televisión. Unhas veces con mellor acerto que outras. En todas é recoñecible, dende “O florido Pénsil” ata “Presidente” ou en “Era visto” da TVG. Isto non ten porque ser unha eiva, penso que é importante recoñecer a un actor polo seu estilo persoal. Non me refiro á teima de permanecer asociado a un único rexistro de referencia, algo que todos os actores rexeitan con toda razón.

Dito isto, a min, en concreto, o Federico monologuista non acaba de convencerme. Penso que ten capacidade para contar historias cun nivel máis coidado, cun grao de sofisticación e creatividade na linguaxe e nos temas que trata algo máis elaborados. O chiste fácil tabernario e o recurso ao “Mecajonosclavosde...” permanente e repetitivo estará ben para certos públicos, pero...   




TEATRO DE RÚA


VOL’E TEMPS 
“DistanS”
Praza do Concello

O último espectáculo de Teatro na rúa mantivo ese nivel de tenrura e dominio das técnicas circenses ás que nos ten acostumados esta sección do FIOT. É un pracer ver este tipo de espectáculo, sempre tan coidado e fantasioso na estética e tan imaxinativo na mensaxe. E por riba de todo, ver esas caras dos cativos co sorriso a boca chea é impagable. Por certo, é de balde. Notable.


Saúde y larga vida



No hay comentarios: