(FIOT 2017)
26 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE
CARBALLO
BOSQUEXOS DE MEMORIA COMPARTIDA
(A propósito de “Resaca”, de ilMaquinario
Teatro)
SANTIAGO PAZOS
O director Tito Asorey e Carmen Castro, programadora do FIOT,
no Café con...
A primeira reflexión que fixen despois de
ver “Resaca” é que esquecemos con demasiada facilidade, botámoslle un sono e
parece que cando espertamos xa non acordamos con exactitude nada do acontecido
unhas horas antes. Mais nunha segunda lectura penso que tamén recordamos moitas
das cousas que cremos perdidas, algo así coma bosquexos de memoria que, ao
compartilos con outras testemuñas, encaixan perfectamente recuperando vixencia
e rexurdindo coma se nunca perderan actualidade.
Nunha escenografía cálida, figurando unha
especie de café musical con moito fume pegado nas súas paredes e moito cheirume
a whisky escocés, (ou iso quero maxinar eu por ser eses lugares tan dados á
melancolía), na que destaca unha gran pantalla multimedia e unha morea de area
que garda sorpresas, cinco amigos rememoran a historia e vida en común con
Alex, outra amiga desaparecida.
A música en directo, cun fermoso tango
engadido, vai dando paso a escenas que semellan retallos fugaces dunha
biografía que se reconstrúe sustentándose en monólogos moi ben definidos e
ditos cunha naturalidade interpretativa que transmite verdade polos catro
costados. Monólogos que funcionan como potentes columnas que manteñen en pé esta
proposta de creación colectiva. Tendo algunhas desas escenas gran carga
emocional, (coma a dos mixtos acendidos ou a do xogo dos grolos de alcohol), e
mesmo certo lirismo reforzado por esa especie de transicións nas que a danza
contemporánea engade dramatismo plástico.
Penso que tanto Tito Asorey na dirección, e
na dramaturxia xunto a Ana Carreira, como os cinco actores, (Melania Cruz,
Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez e Vadim Yukhnevich), que danzan,
tocan, cantan e interpretan, amósannos un traballo cheo de sinceridade e
credibilidade, sen artificios innecesarios.
Recibiron un aplauso merecido, forte, caloroso
e sentido.
Saúde
No hay comentarios:
Publicar un comentario