(FIOT 2017)
26 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE
CARBALLO
O MELLOR É INIMIGO DO BO
(A propósito de “Fillos do sol”
de Contraproducións e FIOT, escrito e
dirixido por Cándido Pazó)
SANTIAGO PAZOS
CARTEL DISEÑADO POR JUAN FÉLIX GENDE
“O mellor é inimigo do bo”. Esta frase
lapidaria recollida en “Fillos dos sol” resume bastante ben a loita de Eduardo Pondal
consigo mesmo nos últimos anos da súa vida. Época na que se decata de que o tempo
que lle queda é cada día que pasa máis curto e a gran obra literaria que ten en
mente, (Os Eoas), non acaba de satisfacer o seu perfeccionismo. “A
perfección está onde vas, non onde chegas”. (Din por aí que tiña unha vontade
de corrección patolóxica).
Esa loita de Pondal contra Pondal, tanto no
aspecto humano, xeracional, ideolóxico, estilístico, ou estético, como na
propia consideración de gran persoeiro nacional galego, queda recollida nesta
obra dun xeito fundamentalmente humanista. É dicir, cun respecto que foxe da
haxiografía beatificadora. Porque se alguén vai ver “Fillos do sol” na procura dun
pedestal para un santo, mellor quedar na casa.
Cándido Pazó, con ese estilo agarimoso co
que acostuma a tratar todo o que toca, danos a coñecer un pouco mellor a ese bergantiñán que,
ademais de ser un bardo inesquecible, foi tamén un home cunha personalidade na
que os tempos de cambio que viviu tiveron moita influencia. Con razón di na
sinopse que esta obra ten un pé na realidade ficcionada e outro na fabulación
dramática. Tamén é certo que, de non ser así, as dificultades de poñer en pé un
proxecto desta envergadura ía ser extremadamente arriscado.
Engade tamén, non podía ser doutro xeito,
ese toque de humor fino, que sempre nos rouba algún sorriso, no que Cándido é
un especialista suficientemente recoñecido. Sobre todo no papel desa criada que
se erixe coma exemplo de muller loitadora e precursora dunha liberación feminina
que chega ata os nosos días.
A dirección está moi coidada, mantendo un
ritmo de comedia dramática moi axeitado. Os decorados, coido non ir moi
desencamiñado, ten semellanzas coa pintura “O dormitorio de Arlés” (1988), de
Vincent Van Gogh, que, ademais de ser coetáneo de Pondal, mantiña unha
autocrítica creativa tan enfermiza como a do mesmo bardo galego. E a música de
Guillerme Fernández é para destacar pola sensibilidade sonora coa que vai
acompañando a acción sen interferir en ningún momento.
Por outra parte, está moi ben interpretada.
Tanto César Cambeiro, Eduardo vello, como Adrián Rios, Eduardo mozo, amosan
unha presenza forte e definida, moi naturais nos seus papeis e cribles dende o
primeiro momento. E Alba Bermúdez, como Rosa, está simpática e desenvolta,
cunha frescura que engade luz a cada escena na que participa, e sen un pisco de
dúbida, algo moi importante para unha actriz que comeza a súa andaina polos
teatros de Galicia pisando forte e con un futuro prometedor.
En definitiva, un traballo moi coidado e
feito con moita dignidade que merece ser visto sen prexuízos.
Saúde
No hay comentarios:
Publicar un comentario