lunes, 28 de octubre de 2013

Xosé Manuel Olveira "PICO", Xoglar de Outono 2013


ACTO DE ENTREGA DO GALARDÓN XOGLAR DE OUTONO 2013

XOSÉ MANUEL OLVEIRA “PICO”





Carballo, 26 de outubro de 2013

Recoñecido como un dos máis destacados actores galegos das últimas décadas, así como un dos personaxes imprescindibles do teatro, este muradán de nacemento, posúe tamén unha extensa carreira no cine e na televisión.

Xosé Manuel Olveira “Pico”, é unha das caras máis coñecidas do sector escénico e audiovisual galego, que naceu en 1955 e faleceu o pasado xuño de 2013 en Santiago de Compostela.

Comezou a súa carreira de actor teatral en 1972 co Grupo de Teatro de Cámara Ditea, dirixido por Agustín Magán e permaneceu neste grupo ata 1984 participando en máis de 15 espectáculos.

En 1985, comeza a traballar no CENTRO DRAMÁTICO GALEGO participando en máis de 20 montaxes con directores como: Mario Gas, Xan Cejudo, Roberto Cordovani, Xulio Lago, Blanco Gil, Ricard Salvat, Pere Planella, Ánxeles Cuña, Antonio Simón, Cándido Pazó, Eduardo Alonso, Manuel Guede, Guillermo Heras e Fabio Mangolini, entre outros.

Os últimos espectáculos do CDG nos que participou, foron “As Actas Escuras”, de Roberto Vidal Bolaño, dirixido por Xúlio Lago no 2010, e “Noite de Reis ou o que queirades”, de William Shakespeare, dirixido por Quico Cadaval no 2007, que poidemos gozar no FIOT, gañando o noso Premio do Público.

Desde 1987 traballa en diversas compañías profesionais non institucionais, entre elas: O Moucho Clerc, Kukas Produccións, Teatro do Aquí, Produccións Máxicas, O.M. Teatro, Lagarta Lagarta, Teatro de Adro, con directores como Rodrigo Roel, Quico Cadaval, Marcelino de Santiago “Kukas“, Rosa Álvarez ou Avelino González.

No 2011 volve ao escenario do noso festival con “O Florido Pensil” dirixido por Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, coa compañía Eme2 emoción&arte, coa que protagonizou tamén a súa derradeira obra teatral no 2012, “Kafka e a boneca viaxeira”.

En recoñecemento ao seu traballo neste espectáculo, recibiu o 4º premio María Casares, que se sumou aos outros María Casares recibidos por “Se o vello Simbad volvese ás illas” e “Calígula”, do Centro Dramático Galego, nos anos 2000 e 2001 respectivamente ou por O Binomio de Newton, de Teatro do Adro, no 2003.

Lembramos tamén o seu traballo no mundo da televisión entrando nas nosas casas con inesquecibles personaxes en series como “Mareas vivas”, “Pratos combinados”, “Matalobos” ou o seu papel de paciente e conciliador bispo na serie “Padre Casares”. Tamén tivo papeis esporádicos en traballos televisivos a nivel nacional como “Hospital Central”, “El Comisario” ou “Cuéntame cómo pasó”.

En cine cabe salientar a súa participación en moitos éxitos como “Mar adentro“,“Celda 211“,“A lingua das volvoretas“,“Cuando vuelvas a mi lado“,“Divinas palabras“, así como noutras producións galegas como “Sempre Xonxa“,“Blanca Madison“,“A vida que che espera“,“O ano da carracha“,“Máis ca irmáns“,“Entre bateas“ ou “O lapis do carpinteiro“.

Os seus últimos traballos cinematográficos foron: “Somos xente honrada“, “Doentes“, “18 comidas“ e “Retornos“.

O seu labor no sector audiovisiual foi tamén recoñecido con varios Premios Mestre Mateo.

Á extensa traxectoria profesional de “Pico” como actor, tamén habería que endadirlle o seu compromiso noutros ámbitos, nos que se involucrou personalmente para dar pulo ás artes escénicas e audiovisuais do noso país, chegando a ser presidente da Asociación de Actores, actrices e de Galicia así como da Academia Galega do Audiovisual, onde deixou profundas pegadas e grandes amizades.

O seu traballo sempre formará parte da historia teatral e audiovisual, quedando grabada a súa imaxe na nosa memoria como a dun actor capital, a dunha persoa excepcional, que marcou época pola súa grandeza profesional e humana.

Como vostedes saben, correspóndelle a un dos nosos Xograres presentar ao novo membro desta comunidade, polo que nos acompaña Victor Mosqueira que realizará unha semblanza do novo xograr, recibámolo cun forte aplauso.

En nome da organización do Festival Internacional Outono de Teatro, o Concello de Carballo e a Asoc. Cultural Telón e Aparte, o presidente da Asoc., Alberto Sueiro, dará lectura ao diploma que recoñece o título de Xograr e, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, fará entrega do galardón do Xograr 2013, a título póstumo, a Xosé Manuel Olveira “Pico”, e que en nome da familia, recollerá o seu fillo Pablo Olveira.

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO

No hay comentarios: