FIOT 35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ENTRE A TENRURA E A RABIA
(A propósito de “Solo quería bailar”, de Olalla
Hernández)
Santiago Pazos
Cando unha actriz con carácter, formación e paixón polo
traballo que fai, como Olalla Hernández, se xunta cun gran director e
escenógrafo, como demostra ser Alberto Velasco, para darlle forma a unha
historia tan dura como esta, escrita por Greta García, o raro sería que non nos
sorprenderan. A obra ten tanta forza e é tan intensa que dende os primeiros
minutos veste preso dentro dese cuadrilátero feito con zapatillas de bailarina.
Unha cárcere da que non podes fuxir, nin física, nin interiormente. Ela clama
desconsolada: se non me podo ver en ningún lugar, cómo podo saber que existo?
Queixase, sen arrepentimento, porque cando a condenaron
non analizaron os porqués dise acto, queimar o edificio dunha institución
pública causando a morte dunha traballadora. Recoñece que é mala e que é 100%
responsable dos seus actos, pero intenta escusarse a través das circunstancias
que lle tocou vivir e que lle fan sentir unha rabia da que non se pode liberar.
Tivo un pai autoritario e a incomprensión social e institucional da súa
iniciativa creativa como bailarina levárona a unha situación desesperada.
Insiste en que se cres na arte teste que magoar. No baile hai que ir a morte,
sacrificarse sen límites. Non estraña que o seu referente artístico sexa Pina
Bausch.
Pero a pesares de sentir tanta carraxe ten momentos dunha
tenrura inmensa cando recorda as caricias de súa nai, por moito que leve cinco
anos na cadea e nunca fora visitala. (“Miña nai non me quere”). Ou esa relación
de desexo lesbio que ten coa doutora da cárcere. (“Preciso vivir algo bonito”).
Momentos nos que sentes certa empatía con ela. Un ser humano errático nos seus
comportamentos pero que aínda garda sentimentos profundos.
Todo isto non se pode interpretar se non te metes no
papel como se fose a túa propia vida, e esta actriz é quen de facelo e sentilo.
Matiza cada xesto e cada movemento nun monólogo que require moita expresividade
e rexistros dramáticos. E marca con eficacia os contrastes entre unhas escenas
nas que predomina o dramatismo máis cru a outras de acre comicidade.
Finalmente pídelle perdón á vítima do seu atentado,
necesítao para liberarse. Esa non era a súa intención, só quería queimar o
sistema inxusto que non lle permitía realizar os seus soños. Sabe que cometeu
un delito que merece unha pena, pero non aguanta máis. Está queimada por
dentro, ataca de morte a unha garda e ponse a bailar espida unha danza coa que
se sente liberada provocando que a maten a balazos.
Quizais sexa este OTNI un dos mellores que temos visto.
Puidera sinalar algún erro, pero sentinme tan preso na rede interpretativa
desta actriz que, se os houbo, esquecinos.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA


No hay comentarios:
Publicar un comentario