FIOT 35
FESTIVAL
INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
DISFORIA E
RENACEMENTO
(A propósito de
“Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos”, de Pecado de Hybris)
Santiago Pazos
Para escapar desa sensación de angustia e depresión, na
que vive a protagonista desta historia, para poñerme a escribir, algo que me
produce bastante ansiedade, fago coma ela e poño de banda sonora “Space oddity”
de David Bowie. Recomenda que, se te atreves, agora é o momento de abandonar
esa cápsula na que vives encerrado. E tamén, como ela, para coller bríos e
comezar a teclear, escoito “O amor” de Massiel: “O amor é un raio de luz
indirecta, unha gota de paz, unha fe que esperta, un zumbido no aire, un punto
na néboa, un perfil, unha sombra, unha pausa, unha espera...”. Mais ela non
padece dese amor romántico de Bécquer ou do “Werther” de Goethe, senón dun
sentimento moderno, actual.
No meu caso é distinto, o que me desespera é a paixón que
sinto polo teatro, non ese desamor dunha muller que cumpre corenta anos e entra
nunha crise de desesperación por sentirse soa, por vivir nun mundo que colapsa.
Unha relación amorosa fracasada e unha profesión, a de escritora, na que non
acaba de trunfar.
Claro que esta obra é máis profunda que este preámbulo.
Fala da necesidade de soñar coas utopías, de aprender a convivir cos monstros
que levamos dentro, de inquedanzas sociais como os que teñen que fuxir da súa
terra nunha patera na procura dunha vida máis próspera, das anciáns que viven
soas, de Palestina. De aí que tanto ao texto como a dirección de María Velasco
non se lle poida poñer pega. Outra cousa é a adaptación dese texto. Por veces
tan complexo que costa asimilar tanta mensaxe, e tan espeso coma un prato de
papas de millo ao que se non lle botas un pouco de leite fresca por riba non
che pasa pola gorxa. Eu faríao un pouco máis lixeiro para facilitar a súa
comprensión, pero de facelo quizais perdería intensidade. Tal como está precisa
dunha especial atención, pero tampouco no lo van dar todo comesto.
Tamén é posible que a culpa sexa da actriz. Moi valente
por enfrontarse a un monólogo tan exixente. Recordemos que non era Marciel
Álvarez, a actriz que estreou esta obra, senón María Jáimez. O seu papel
require de moitos matices. De repente estás eufórica e un pouco despois estás a
chorar como unha descosida. Motivos polos que ás veces notábase algo insegura
tanto na declamación como nos movementos, segundo a miña impresión. A verdade é
que en conxunto, a pesares das dificultades, merece un aplauso. Non esquezamos,
por suposto, a axuda da moi boa actuación do seu compañeiro Carlos Beluga. Toca
a guitarra, canta por Bambino, baila e fai do alien que fará renacer a esa
muller que se encontraba totalmente perdida nun desacougo monumental.
En canto a montaxe, sinalar que é todo un espectáculo
audiovisual e con inmellorables efectos de luces e son. Mágoa que a
escenografía non lucise como merece debido ao tamaño do escenario do Pazo de
Cultura. Algo que afecta directamente ao ritmo das escenas e movementos dos
actores. Para valorar unha obra temos que ter en conta todas as dificultadas
coas que se encontran os artistas. Certo é que os espectadores non teñen porque
ser compracentes con eses problemas, queren ver unha obra ben montada e
interpretada con pericia.
Queda bastante claro, iso si, que todos somos alieníxenas
nalgún momento. Diría que, por fortuna, relacionarse con entes diferentes
enriquece e transforma a visión unilateral que temos de cada ser humano e do
mundo en xeral. A uniformidade só conduce ao aburrimento abúlico.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA


No hay comentarios:
Publicar un comentario