XXIV EDICIÓN DO FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO
DE CARBALLO
ACTO DE ENTREGA DO GALARDÓN
XOGRARESA DE OUTONO 2015
SUSANA DANS
TEXTO FACILITADO POLA ORGANIZACIÓN DO FIOT
Sr.
Alcalde, Sr. Deputado de Cultura, Sr. Concelleiro de Cultura, amigos xograres
Celso e Kukas -o resto desculpan a súa presenza esta noite porque,
afortunadamente para eles, están traballando e non nos poden acompañar- señores
e señoras:
Boa
noite e sexan benvidos ao acto de entrega do Xograr de Outono 2015 que
realizaremos deseguido, antes da representación do espectáculo “Presidente” da
compañía Teatro do Morcego.
O
Xograr de Outono é un nomeamento honorífico que o Festival Internacional Outono
de Teatro outorga á persoa ou entidade que saliente pola súa traxectoria na
promoción do teatro, un xeito de recoñecer o labor dos que contribúen xenerosamente
a engradecer as artes escénicas, e, polo tanto, á cultura galega.
O xograr
representa a figura máis sobranceira da tradición oral, como creador e tamén
transmisor de historias, evocando un pasado do que nos gusta facer gala, porque
esta tradición identifícanos como prestidixitadores da lingua, facéndonos
renacer a todos os que queremos e cremos na nosa palabra, na nosa cultura e no
noso país.
O
galardón deste recoñecemento é unha creación en bronce, de inspiración rupestre,
do artista galego Pablo Leal, que a organización elixiu polo seu carácter
simbólico e alegórico á figura do xograr.
Os xograres
son unha parte moi importante da alma do Outono de Teatro. Unha comunidade na
que nos apoiamos e inspiramos para renovar os valores que personaliza o noso
festival.
A
elección do galardoado ou galardoada é responsabilidade compartida entre o
colectivo de xograres e xograresas que se vai creando ano a ano, e da
organización do festival.
A todos
eles, agradecemos o seu compromiso e fidelidade porque, este galardón, estritamente
honorífico, comprométeos como embaixadores do FIOT e fainos responsables de
futuras eleccións.
Como
xa todos vostedes saben, o festival concede nesta vixésimo cuarta edición o Xograr de Outono a Susana Dans, a actriz herculina, dama da escena galega, cunha longa
traxectoria enriba das táboas pero tamén fóra delas, cunha importante presenza
nos medios audiovisuais.
Susana
Dans inicia a súa andadura no mundo do teatro da man do seu mentor Miguel
Pernas e do director Manuel Lourenzo na Compañía de Luís Seoane en 1986. Desde
entón tivo moi claro cal sería a súa vocación á que se entregou por enteiro traballando
cos mellores directores e coas compañías máis importantes de cada momento.
Ao
longo da súa traxectoria profesional, Susana Dans, ten participado en máis de
trinta producións teatrais, a maior parte co Centro Dramático Galego, da que a
propia actriz salienta a importancia que tivo para ela traballar na compañía
institucional de Galicia baixo as ordes do seu gran mestre Xan Cejudo, que a
dirixiu en producións como A pousadeira
ou a Burla do Galo. Pero a
traxectoria da nosa nova esa co CDG non remata aí e continúa traballando nesta entidade
baixo as ordes de directores tales como Roberto Vidal Bolaño, Eduardo Alonso, Manuel
Guede, Ánxeles Cuña, Quico Cadaval ou Cándido Pazó (algún deles Xograres de
Outono) en inesquecibles pezas como As
Dunas, A piragua, Rosalía, Lisístrata ou Noite de Reis,espectáculo
do que poidemos gozar no FIOT, recoñecido por todos vostedes co Premio do
Público.
Fóra
do Centro Dramático Galego, Susana Dans puxo o seu talento interpretativo nas mans
doutros condutores e compañías. Un exemplo son producións como ER (algún día traballaremos xuntas), O cerco de Leningrado ou Vellos Tempos de Teatro do Atlántico
baixo a dirección de Xulio Lago. Outra importante colaboración foi coa compañía
que esta noite nos acompaña, Teatro do Morcego, na función O club da calceta, unha espléndida peza teatral de María Reimóndez dirixida
por Celso Parada (outro dos nosos xograres que hoxe veremos en escena).
E se
de xograres se trata esta noite, non quería deixar sen citar o primeiro deles,
Roberto Vidal Bolaño, co que a nosa homenaxeada tivo a gran fortuna de
traballar na montaxe Saxo Tenor do
dramaturgo e tamén director e creador da compañía Teatro do Aquí.
As
compañías Uvegá Teatro e Vicente Montoto, Kukas Producións Artísticas ou Teatro
da Lúa tamén contaron entre o seu elenco coa participación de Susana Dans en
diferentes obras teatrais.
Cabe
salientar que, como emprendedora, cofundou xunto a Susana de Lorenzo en 1992 a
compañía Pífano Teatro, na que participaría en varias propostas e onde Susana
daría renda solta a outra das súas habilidades, o canto. Aínda que non era a
primeira vez que se dirixía ao respectable entoando: proxectos de cabaret en
solitario, cancións para os Monicreques de Kukas, traballos co magnífico
compositor Nani García ou concertos didácticos para a Orquestra Sinfónica de
Galicia, son traballos que forman parte do seu currículo como cantante.
A
presenza escénica de Susana Dans fixo que tamén o seu traballo chegara ao
cinema en varias curtas e longametraxes e, por suposto, á televisión onde todos
a recordamos en series ou filmes como Pratos
Combinados, O Club da Calceta, “A condesa rebelde, Emilia Pardo Bazán” e nestes momentos no papel da Irmá Úrsula na
serie da TVG Hospital Real.
Co
regusto do éxito acadado coa eloxiada creación de Cándido Pazó As do peixe de Abrapalabra Creacións
Escénicas que lle valeu o María Casares 2014 á mellor actriz protagonista, Susana
Dans suma ao seu palmarés o quinto María Casares (nas disciplinas de actriz
protagonista ou de reparto), o máximo galardón que concede a Asociación de
Actores e Actrices de Galicia nas artes escénicas, así como o Mestre Mateo por
interpretar a Emilia Pardo Bazán na serie da TVG ou o Maruxa Villanueva por
Mulleres.
Moitos
son os méritos que fan de Susana Dans merecedora deste galardón, que recoñece o
seu labor teatral como dama da escena galega. Susana é, polo tanto, unha actriz
de referencia na escena Galega, por poñer en valor a arte da interpretación e por
contribuír a dignificar esta profesión.
Correspóndelle
a un dos xograres presentar á nova integrante desta comunidade, neste caso o
labor recaeu nun dos que mellor coñece a Suana Dans, porque tiveron a sorte de
traballar xuntos, o dramaturgo e director Cándido Pazó (Xograr de Outono 2009).
Como xa dixen ao inicio, por motivos laborais non pode asistir esta noite pero,
no seu nome a Presidenta de ESCENA GALEGA (Asociación Galega de Empresas de
Artes Escénicas), Dna. Belén Pichel, lerá no seu nome e en representación dos xograres,
a benvida que Candido preparou para a nova xograresa.
En
nome da organización do Festival Internacional Outono de Teatro, Antón
Rodríguez, Secretario da Asociación Cultural Telón e Aparte dará lectura ao diploma
que recoñece o título de xograr.
A
continuación Xosé Regueira, Deputado de Cultura da Excelentísima Deputación da
Coruña, fará entrega do Xograr 2015 a Susana Dans e que recollerá, a propia
galardoada.
Para
rematar, agradecer, de novo, o apoio de todas aquelas persoas e entidades que
colaboran coa organización do Festival Outono de Teatro de Carballo e, como
non, a súa presenza esta noite e desexarlles que gocen co espectáculo Presidente que, baixo a dirección de Xosé
Prieto, representará a Compañía Galega Teatro do Morcego.
Longa
vida ao teatro e ata o ano que vén, no que o FIOT cumpre o seu 25 aniversario.
Boa noite.
No hay comentarios:
Publicar un comentario