(FIOT 32)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ENTRE SILVEIRAS
(A
propósito de “Apaga o candil” de Cándido Pazó para Contraproduccións)
SANTIAGO PAZOS
O venres facía un calor atemporal e, aínda
así, antes da estrea de “Apaga o candil”, Cándido Pazó, autor e director, tiña
as mans frías. E logo de terminar a función, cunha chea de aplausos ben
merecidos, aínda non entrara moito en calor. Seino porque llas toquei para
saudalo antes e para felicitalo despois. De seguro que pensarán vostedes que a
importancia deste dato persoal nada ten que ver co que eu debera contar aquí, mais
os que andamos a ler o que non está escrito temos este defecto que nos permite
sopesar o que se esconde tras esas bambolinas luminescentes que forman parte
indispensable do acto teatral. Esa friaxe tiña unha lectura que transcendía a
temperatura ambiental. O compromiso de (d)escribir un personaxe tan emblemático
e con tanto carisma era un iceberg navegando
por ese océano no que un non sabe diferenciar se os cánticos que escoita
ao lonxe, como Ulises, son celestiais ou demoníacos.
Facer unha lembranza de Carlos Díaz O
Xestal era un reto que só alguén como Cándido podía asumir e facelo coa
dignidade suficiente para espir un ser con tantas contradicións. Adorado e rexeitado,
triunfador e fracasado, reivindicativo e condescendente. Todo a un tempo. Son
tantos os matices que ofrece este personaxe que, penso, acerta o autor cando
decide situar a acción nos últimos suspiros da súa existencia. Ese momento no
que o home non ten outro remedio que facer balance e ser sincero consigo mesmo.
E tamén é un gran acerto confrontar as pequenas debilidades do ser humano coa
grandeza dese destino mortal ao que todos estamos chamados.
Teatralmente moi ben resolto na elección
dos actores, impoñente e dominante Toni Salgado, como a morte vestida de
gaiteiro, e un pequeno e apoucado Avelino González, como vítima incomprendida
que se reivindica como estandarte e defensor dunha cultura popular
menosprezada. Incluso hai certo erotismo nesa relación tan masculinizada. Non
esquezamos a condición homosexual de O Xestal. Motivo polo que pasou pola cadea
sen pretender el ser bandeira, tampouco era doado selo, de liberdades que hoxe
en día imos normalizando moi lentamente. Teño que destacar, iso si, que Toni sobresae
na súa interpretación de xeito extraordinario e Avelino, aínda coa escusa de
ser o día da estrea, precisa estirarse un pouquiño. Nada que non se solucione
rolando, sóbranlle táboas. “Eu a tocar e a xente a rañar”.
Admiro a Cándido Pazó por esa dignidade que ten para retratar xente de tanta valía como Pondal ou Pardo Bazán. Sen esquecer ese Decamerón ou esa Peste tan ben compostas. Podería citar dous ou tres nomes que están a súa altura no mundo da escena galega, non máis. Si teño que engadir que non me gusta esa escenografía e iluminación tan frías. Quizais problemas de produción ou que sexa máis cómodo para moverse por todos eses teatros que espero se enchan e que sexan moitos. A obra merece. Fagan caso. Parabéns e aplausos.
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario