martes, 24 de octubre de 2023

DIEGO ANIDO

(FIOT 32)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

AUTOBIOGRAFÍA INVENTADA

(A propósito de “O deus do pop” de Diego Anido)

SANTIAGO PAZOS

 

DIEGO ANIDO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)


En 2013, cando Diego Anido presentou no OTNI a obra “Symon Pédícrí” facía unha declaración de intencións que, despois de ver “O deus do pop”,  non parece que perderan un chisco de actualidade. Son estas: “Un factor moi importante no meu traballo é a construción de personaxes pouco cotiás e a presentación do seu estado de soidade. Ou mellor dito, o seu estado de convivencia consigo mesmos”, “… personaxes que non renuncian aos seus anhelos, non renuncian xamais a ridículos obxectivos. Nese aspecto poden parecer dementes. Dotados de un infantilismo perigoso”. E tamén describía algúns aspectos do seu método de traballo que seguen vixentes: “xogo con técnicas teatrais como manipulación de obxectos, composición coreográfica, teatro musical, vídeo… e co correcto equilibrio entre humor e escuridade…”. Sobre todo quedoume gravada unha frase tremenda que define moi ben a obra que presentou este ano na que se recrea en varias autobiografías ficticias na procura dunha identidade única imposible: “ser alguén é un cristo de collóns”.

No discurso narrativo deste Deus do pop segue a manter a mesma inconexión textual, rompendo con esa lectura lineal dramática do teatro tradicional, que xa exploraba en Symon Pédicri e que aquí se amosa como unha proposta firme, e moito máis traballada, convencido de que ao espectador non se lle pode dar tregua. Combate a pasividade con golpes de efecto que proceden desa concepción do teatro como unha arte total. De aí que a súa creatividade sorprenda por polifacética e que as súas ferramentas sexan a procura de linguaxes escénicos novidosos, de amplos rexistros,  sen prexuízo de mesturar, como puidemos ver, todo tipo de estilos. Aí tivemos, teatro do absurdo, flamenco, expresionista, de serie B, postmoderno, e nalgún momento unhas doses irónicas de realismo cómico que provocaron grandes gargalladas entre o público.

Vino moito máis maduro e seguro sobre do escenario aínda presentando unha obra arriscada, por algo aseguraba neste mesmo periódico que era “maximalista á hora de introducir códigos en escena, non son nada limpo, senón sucio e desordenado, sempre en beneficio da complicidade”.

Ata aquí todo perfecto, pero o problema que ten traballar con simboloxías diversas, desde a miña opinión, é que parte do público poda perderse entre tanta información inconexa. Diego Anido quere contar tantas cousas que o fío de Ariadna racha con máis facilidade da que debera por moito que o autor teña todo ben atado na súa cachola. Interesante... 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE 

LA VOZ DE GALICIA





 

 

  

No hay comentarios: