(FIOT 32)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
O SORRISO COMO ESCUDO
(A propósito de “Sexpiertos” de Tanttaka
Teatroa)
SANTIAGO PAZOS
Cando acabou
Sexpiertos veume á memoria a película “Johnny cogió su fusil” (1971), na que
un mozo combatente da Primeira Guerra Mundial esperta
nun hospital coas pernas e os brazos amputados, cego, xordo e mudo. Non
entrarei en detalles pola dureza do argumento, supoño que aínda se pode ver
online. A reflexión que me suxería ese recordo era que o ser humano ten moitas
formas de enfrontarse a situacións extremas. No caso desa película, o
protagonista daba unha lección de superación dramática.
No caso desta obra de teatro, Telmo Irureta, un rapaz con parálise
cerebral que o mantén nunha cadeira de rodas, sen autonomía física pero cunha
mente esperta, incluso diría que privilexiada, a actitude vital de superación,
o escudo ante a desgraza, é un sorriso irónico. Mais non é unha comicidade pracenteira
xa que as múltiples trabas ás que se enfronta na súa vida cotiá aparecen, en
aparencia desenfadadamente, como un reproche a sociedade na que vive. Tamén é
certo que non busca confrontación, senón normalización e complicidade, estando
o propio actor afectado por esa enfermidade. E en fronte,
para darlle réplica, ten a Miren Arrieta, unha rapaza guapa e ben feita, sen
ningún tipo de defecto físico pero con problemas doutro tipo, e non menos
preocupantes, como son os afectivos, sexuais, ou de aceptación da propia
personalidade.
Que
se coñeceran atrapados nun ascensor é unha metáfora que resume ben o contido do
texto, escrito polo propio Irureta e Kepa Irrausti. Todos vivimos atrapados nun
espazo pequeniño, mental ou físico, obsesionados en que os nosos problemas son
únicos ata que topamos con alguén, neste caso por accidente, que nos descubre
que os seus son igual de agoniantes e dolorosos. Hai que sinalar, por outra
parte, que esa posta en escena metateatral imprime naturalidade e moita
axilidade na acción narrativa. Eses cortes que rompen a formalidade textual dan
moito xogo ao conseguir que realidade e ficción se mesturen con sinxeleza dando
aparencia de improvisación, aínda que cada escena estea perfectamente ensaiada
e consensuada entre dous actores que teñen moi boa química entre eles.
Ben
actuada e moi ben dirixida por Mireia Gabilondo. Xa co feito de poñer ao público
en cadeiras de rodas no propio escenario, como única escenografía, paréceme un
pouco rebuscado. Un tense que poñer na pel do outro sen que sexa preciso sufrir
o mesmo mal. E o que non pode ser, non pode ser.
En definitiva, Sexpiertos é unha obra que fala con claridade de temas que consideramos tabú e precisan saír á luz de xeito natural, de inclusión, comprensión, aceptación e sobre todo de mirar aos diferentes como iguais, porque finalmente diferentes podemos ser calquera de nós. Un forte aplauso. Seguimos contando...
Saúde e longa vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE
LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario