(FIOT 32)
A ARTE DE DOMINAR O TEMPO
SANTIAGO PAZOS
PEPE VIYUELA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
Nestes primeiros comentarios sempre me
gusta divagar un pouco sobre aspectos que, aínda parecendo tanxenciais, son imprescindibles
na análise teatral por formar parte esencial do seu esqueleto estrutural. Un
deses elementos é o tempo, algo moi difícil de controlar e administrar. Non me
refiro a ese tempo científico que marca o reloxo, senón a esoutro que cada quen
mide de xeito persoal e que os artistas utilizan para marcar o ritmo dramático
sobre un escenario. Hai, xa saben, segundos eternos e días que pasan tan
rápidos coma un suspiro. Na nobre arte do monólogo nótase perfectamente. Por
unha parte temos longos minutos baleiros de substancia e outros moitos cheos de
palabras que parecen buscar un significado apropiado sen encontralo. Pola
contra, os silencios, importantes e tan elocuentes, case sempre brillan pola
súa ausencia.
E agora, despois da charla, pasemos ao que
de verdade nos ocupa. Esta primeira fin
de semana de Rúa dos Contos tivemos un pouco de todo, longas e cansas
disertacións como a de Soledad Felloza no Colón, postas en escena ben coidadas e
reivindicativas como a de Bea Campos no Casino, unha restra de chistes de sobra coñecidos que
nos contou Xan Veiga na Estación, un monólogo cheo de simpáticas ocorrencias
de Víctor Fábregas no Mesón do Pulpo, e unha sesión de
improvisacións con moita chispa creativa na que Dani Blanco e Antón Coucheiro, coa
colaboración do público, compenetráronse moi ben.
Mais houbo dúas actuacións que, desde o meu
punto de vista, destacaron:
Pajarito, na Residencias de maiores de Carballo,
foi quen de sacarlle risas marabillosas e moita complicidade as persoas da
terceira idade que alí viven e aos que estabamos de visita. Números como o da
camisa de forza no que con certa picardía engaiola a dous colaboradores
espontáneos mereceron aplausos e recoñecemento. E teño que engadir que é un
gran acerto, tanto do FIOT como da dirección do centro, levar o teatro a
espazos tan necesitados de agarimo.
E o gran triunfador, ata o de agora, foi Pepe Viyuela. Teño que recoñecer que acudín con certos prexuízos. Pensaba que tería un “deja vu” canso e repetitivo, mais de volta para casa repetín varias veces as últimas frases deste magnifico humorista, abstracto na forma e de ironía crítica tan esclarecedora na mensaxe: “Me voy a la mierda. A veces la vida te sorprende”. Queda claro que os clásicos non sempre están a vivir de rendas. Parecía o mesmo de sempre, facía practicamente as mesmas cousas que eu recordaba e, sen embargo, a mensaxe era distinta, novidosa, metafórica. O negro futuro e os topes que nos impiden camiñar con sinxeleza, os atascos que provoca relacionarse co mundo que nos rodea sen instrucións, as malditas pedras que che fan tropezar mil veces coma se tiveran vida propia, son parte dunha clase de filosofía contada por un pallaso intelixente. Tempo e espazo confluíron harmónicos, divertidos e pedagóxicos. Parabéns!
Saúde e larga vida!
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario