(FIOT 32)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
SENSIBILIDADES VARIADAS
SANTIAGO PAZOS
Para contar ben hai que ter oficio, pero tamén é moi conveniente en calquera manifestación artística posuír unha sensibilidade especial. E no teatro, independentemente do resultado final, encontramos múltiples ferramentas para desenrolar esa diversidade de sentimentos tan humanos.
GUILLEM ALBÁ (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
Este é un bo resumo. Por exemplo Kukas, que
monta “Guernika”, un xoia de cinco minutos para denunciar os efectos das
guerras na natureza, e homenaxear a Picasso, cuns elaborados monicreques que
mesmo parecen vivos dentro dun pequeno teatro de guiñol. Ou o clown Guillem
Albá que en “Ma solitude” cunhas mans de
goma e un moneco consegue tocarnos a fibra e encher de tenrura os corazóns máis
duros, como de feito consegue que lle lata a ese monicreque nunha escena que
engaiola. E podemos seguir con Caxoto e Gema Santos que contan en lingua de
signos unha historia de amizade e superación para os nenos. Falamos de
inclusión, tan necesaria en todos os ámbitos.
ROI BORRALLAS (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
Non me podo esquecer do pallaso Roi
Borrallas que cal Alicia a través do espello terminou a súa actuación cun
número glorioso no que usando espuma e capaz de crear mil caretas. Nin de Vero
Rilo e Santi Cribeiro co seu acordeón enchendo de música e contos de sempre
unha noite que terminou co rock de Adhara & Ritman. Todo un mundo de
variadas sensibilidades que con maior ou menor acerto fixéronnos sentir que a
vida é algo máis que traballar, comer e durmir.
O PEQUENO PONI
(De Paco Bezerra e Redrum
Teatro)
ESCENA DE "O PEQUENO PONI" (FOTO DE VANESSA RÁBADE )
Pararemos con detalle nesta estrea que
esperabamos con moito interese sobre todo polo tema do que trata, polo
recoñecido prestixio de Paco Becerra e pola traxectoria de Redrum Teatro. Hai
que dicir que son moi valentes enfrontándose a un problema tan preocupante como
é a violencia e acoso infantil nas escolas baseado nun feito real. Un conflito
que afecta ás vítimas, verdugos, familias, estamentos educativos e sociedade en
xeral. Aínda que xa existen protocolos para actuar, a maioría das veces non se
aplican correctamente polas dúbidas que suscita o estigma de quedar marcados
por feitos tan aborrecibles.
Neste pequeno poni a temática da que
falamos está perfectamente definida e as contradicións moi ben expostas,
fundamentalmente as que teñen os propios pais entre si e co fillo maltratado e
as que teñen coa dirección educativa e a xustiza.
Outra cousa é o xeito físico,
interpretativo, de contalo. E penso que neste aspecto a obra está pouco
traballada. Pode ser que por ser a estrea os actores estivesen especialmente
nerviosos e non foron capaces de meterse no papel. Pode ser tamén que o
director, Alex Sampayo, non quixera darlle máis dramatismo a un tema xa de por
si bastante cru. Pero que os protagonistas actúen como autómatas dándose as
replicas como se estivesen nunha lectura de ensaio, a excepción da primeira na
que se piden un bico, e que se note tanto que lles costa moito interiorizar
sentimentalmente o texto, foi unha pena. Agora ben, son bos profesionais e
seguramente saberán corrixir eses defectos. En todo caso é a miña opinión. A
maioría do público aplaudiu con ganas.
Tampouco me gustou a escenografía pero xa sabemos que os gustos son sempre persoais. Si me encantou esa idea das butacas que ían separando segundo eles se distanciaban. E a traca final de Disney World para esquecer. Seguiremos contando...
Saúde e longa vida!
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE
LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario