martes, 31 de octubre de 2023

EL MAR. VISIÓN DE UNOS NIÑOS QUE NO LO HAN VISTO NUNCA

 

(FIOT 32)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

VOCACIÓNS ARRISCADAS

(A propósito de “El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca” de Xavier Bobés) 

SANTIAGO PAZOS

 

Teño que aclarar, antes de entrar en materia, que eu non son moi fan do Teatro Documento, e menos cando a parte documental, como pasa nesta obra, ocupa tres cuartas partes do espectáculo. Prefiro o teatro interpretado. Non rexeito da incorporación mesurada doutras disciplinas sempre e cando se respecten certas normas esenciais. Tamén e certo, e comparto totalmente, que a pureza no mundo da arte é un concepto anacrónico. Mais contando cun actor en escena como Sergi Torrecilla, con esa voz tan penetrante e tan ben modulada, con esa presenza tan impoñente e tan transparente, sentes pena de non gozar da súa interpretación un pouco máis de tempo.

Segundo a vida exemplar do mestre Antoni Benaiges,  asasinado polos fascistas despois de torturalo só por ter vocación de transmitir coñecemento, moitos dos que estabamos no auditorio recordamos ao pintor coruñés Francisco Miguel. Recente na nosa memoria o encontro, nunha fosa común, dos seus restos masacrados polos fascistas, xunto con tres republicanos máis, no cemiterio de Bértoa. Por fin se fará xustiza e poderán ser enterrados coa dignidade que merecen.

Destacar que, deixando de lado as consideracións persoais da introdución, o traballo con obxectos de Xavier Bobés é sobresaínte. A delicadeza coa que presenta, fotografía e proxecta, cada documento, foto, debuxo ou caderno é dunha beleza plástica admirable. E esa pequena imprenta que me recordaba, cando sendo eu neno, axudaba a Enrique Castro a compoñer aqueles textos para estampas de mortos ou comuñóns. Coñecer a distribución das letras na caixa, os tipos e tamaños, os cíceros, era para min un xogo máis que un traballo. Tanto que quixen ser tipógrafo ata que o compromiso político me levou polos camiños da socioloxía.

A Antoni Benaiges, a vocación pedagóxica levouno  a unha escola rural, daquela España de interior  que quería espertar en liberdade, porque pensaba firmemente que a educación e o coñecemento era a medicina que os nenos precisaban para crecer sans e libres. E o mar, ese horizonte inabarcable, era unha meta, unha promesa que non se puido cumprir por culpa da barbarie. Dilles con contundencia que poden ter outro futuro se son quen de soñalo, mais os soños hai que pagalos.

O texto de Alberto Conejero é poético. Para o meu gusto cun excesivo lirismo que idealiza un drama real e sanguinolento. Agradécese tanta sensibilidade pero bótase de menos un pouco de prosa acre. Penso que o intento de deificar, en certo modo, a personaxes tan admirables como este mestre non lle fan ningún favor. Outra cousa e facer xustiza, recoñecer, respectar, non esquecer, dar exemplo. E penso que Benaiges, Lorca, Francisco Miguel e tantos outros, cando os levaban de paseo para ser fusilados non ían a cabalo dun poema, estaban cagados de medo como todo ser humano en circunstancias tan atroces.

E aínda con estas pequenas observacións, teño que recomendar que, de poder, vaian ver esta obra. Pola dignidade.  

 

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE

LA VOZ DE GALICIA









 

 

 

 

 

 




 

 

 

 




 

 

  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


No hay comentarios: