(FIOT 32)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ANDAR DE CONTOS
(A propósito de “Tres vellas na romaría”
con Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti)
SANTIAGO PAZOS
Cando onte terminou a función de “Tres
vellas na romaría” no Mercado Municipal de carballo, un amigo tivo o
atrevemento de dicirme que se perdera polos camiños dos relatos sen saber sinalar en cal dos tres fora. E como en
Galicia todos os camiños te levan de aquí para acolá, pensei que era unha
metáfora. Mais non era cuestión de horarios nin de sacrilexios mal
intencionados. Esta cultura nosa ten algo que te engaiola ou che retorce os
miolos sen darche moito tempo a pensar en que estación has de baixar. De querer
baixar, digo! Xa que polo xeral nos seguimos ata que o tren estoupa.
Que se xunten estes tres magos das palabras
é un luxo para todos os que gozamos da narrativa oral. Que dicir de Cadaval,
mestre canonizado, de Celso que fala coma un oráculo de todos eses que se foron
sen marchar, ou de Guti, que sen ser de aquí, padece das mesmas patoloxías? Esta
xente non é deste mundo pueril e ateo. Ni Santa Minia, nin o Corpiño, nin nada. Estes son a Santísima Trindade
feita carne. Crentes desconfiados, por suposto. Mais sen ser de Ave María
Purísima todos os días amosan ese medo inquedo
de preguntarse que natureza ten esa sombra que te persigue cando andas. Ese
lastre que vai diante ou detrás, ao seu antollo, sen ti saber que o propio
corpo búrlase impertinente. E deixando de lado tanta metáfora e tanta
literatura, póñome de pé e fago unha proclama a favor de xente “tan preclara” ,
diría Homero, por facer relatos, non de rir, senón de pensar, tan nosos.
A socioloxía non só debe ser unha ciencia
analítica despersonalizada. Os datos xa din quen e como somos. Interpretalos é
outra cousa. E estes tres pés, para un banco, saben perfectamente ler e contar
o que esconden comportamentos que proceden da cultura popular. Resabida, xa!
Pero tamén sorprendente e enriquecida.
Eu, onte, gocei, non só por que me gusten
máis ou menos eses contistas, senón por comprobar que queda xente capacitada
para recordar e preservar esas historias que escoitamos na intimidade e
pensamos que os vellos, os da casa, están a latricar moitas veces coma se foxen
iluminados atolados. Botei de menos a unha muller. Paula Carballeira, por poñer
un exemplo. Tampouco teño nada que obxectar xa que os tres estaban moi
femininas.
A vida é tan complicada e a historia tan dependente de interpretacións que, mentres escribo esta crónica, só penso nese amigo (perdido?) que botou unha gargallada e pensou que estaba a facer unha crítica inxusta. A realidade era que todo neste mundo ten unha reviravolta coa que mirar sen tanta tensión. E grazas a estes tres xenios podemos deixarnos de metáforas manipuladas e descubrir que no mundo das ánimas hai algo máis que o recordo dos vivos. Grazas e coidado por eses camiños. Nunca se sabe...
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE
LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario