(FIOT 32)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
A XUSTIZA NA BALANZA
(A propósito de “Prima Facie” con Vicky Luengo)
SANTIAGO PAZOS
VICKY LUENGO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
Ninguén lle pode negar a Vicky Luengo que é unha actriz
con recursos dramáticos variados e abondosos. E aínda sendo así, estar máis de
hora e media, soa enriba dun escenario, defendendo un texto da complexidade de
“Prima Face”, é un reto co que poucas actrices ou actores se atreverían. Ela
amosase segura de si mesma en cada movemento e vocaliza con naturalidade
descritiva, sen trabucarse en ningún momento, a pesar de que o discurso resulta,
sobre todo nos dous primeiros actos, excesivamente técnico. Xa no terceiro
acto, ábrese en canal e o sentimento de rabia contra as inxustizas que sufre,
como muller violada, deixa ao descuberto a debilidade e impotencia de quen
reclama xustiza de verdade nunha proclama final reivindicativa en contra da
violencia de xénero.
O máis rechamante do texto de Suzie Miller, que Tessa
como personaxe explica profusamente no primeiro acto, é que traballa como
avogada de éxito nun Bufete que se dedica a defender homes con delitos de
violación. Única muller nun mundo de homes que imparten unha xustiza machista
da que ela é cómplice consciente de que a competencia profesional está por riba
de calquera fraqueza feminina. Xa no segundo acto, cando é violada por un
compañeiro de traballo con moitas influencias, dáse de conta que a balanza da
xustiza está moi desequilibrada converténdose en vítima do sistema que ela
mesma defendera con saña.
Digamos que este longo monólogo resultaría insufrible de
non ser por esa magnifica e medida dirección de Juan Carlos Fisher, que marca
as transicións entre actos sen que o espectador apenas se de conta, a non ser
polos cambiantes rexistros interpretativos da protagonista. Coa axuda dunha
iluminación moi intelixentemente composta por Ion Aníbal que recrea unha cova
platónica onde as sombras proxectadas sobre esas paredes brancas contan unha
historia de angustias e sentimentos crípticos. Xenial, desde o meu punto de
vista.
Vimos teatro realista, actual e reivindicativo. Teatro
necesario, de denuncia, de poñerlle voz a unha vítima que anteriormente actuaba
de verdugo. Teatro descritivo feito con moita profesionalidade, serio, sen
concesións de ningún tipo, onde se lle chama as cousas polo nome que teñen,
recoñecible, sen subterfuxios.
Eu, por poñer algún pero, limparía un pouco o texto
acortándoo para que o discurso e a mensaxe chegaran ao espectador con máis
claridade, sen présas. E cometería algún erro adrede, desculpen a licencia,
porque a dramaturxia desta obra é tan
perfecta que por momentos non parece real. Pero tamén é certo que a enérxica e
atropelada Tessa do principio reflicte moi ben o mundo competitivo no que se
desenvolve, e aquela que se recoñece como vítima baixa un ton o ritmo para
presentarse reflexiva e consternada ao verse atrapada na tea de araña que
tantas veces teceu ela, para terminar cunha muller fundida pero non derrotada. Moi
recomendable...
Saúde e longa vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE
LA VOZ DE GALICIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario