miércoles, 19 de octubre de 2022

DAVID ESPINOSA

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


RADIOGRAFÍA DUN ESPECTÁCULO

 (A propósito de “Conferencia espectacular” de David Espinosa) 

SANTIAGO PAZOS

 

DAVID ESPINOSA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Nas súas memorias, di María Casares que se despois dunha representación discútese, disécase, explícase, etiquétase o fenómeno teatral ao que se acaba de asistir, parécelle absolutamente inútil que tivera lugar. Eu supoño que se refire a actitude que ha de ter unha profesional para convivir consigo mesma sen martirizarse ou vangloriarse, non á reflexión necesaria dun público crítico que eloxia ou vitupera ese espectáculo que acaba de ver.

 

En “Conferencia espectacular”, David Espinosa fai todo iso que María Casares parece detestar. E nono fai despois do propio acto teatral, senón que utiliza como tema do propio espectáculo a análise de varios estilos de teatro de vangarda dende unha perspectiva pedagóxica.

 

Non hai actor, aínda que si dramaturxia. Non hai teatro, porque practicamente toda mensaxe é transmitida a través dunha cámara e unha voz pregravada, aínda que si intuímos certa intencionalidade escénica. E non hai personaxes por moito que a memoria e o discurso teñan coherencia, por un lado haxiográfica e por outro un tanto burlesca. Aí quedan as interpretacións de “Café Múller” cunha Pina Bausch convertida en princesa de Disney, o Els Joglars como os sete ananiños do conto. Dous exemplos do que o autor chama creación contemporánea e que a min me resultaron pouco maduros. Sí, tamén é certo que logo falou de Artaud, de Brossa...

 

Xa sei que no OTNI cabemos tod@s. Adoro esta sección do FIOT. Recordo Cinema Sticado e a esa estupenda Macarena Recuerda. Son estilos que xorden nese borde que debe existir entre disciplinas converxentes, teatro, cine, circo, contos e todo tipo de verborrea. Non serei eu quen defenda ningún tipo de pureza, pero non deixa de ser un debate necesario.

 

Cando onte, despois desta función, sendo en xeral agradable de ver e de escoitar, sentinme un pouco decepcionado, ao escoitar os meus comentarios,  un amigo colaborador do FIOT díxome que seguramente tiña eu un mal día. E podía ter razón. Mais os que me ledes podedes estar tranquilos, cando escribo estes comentarios nunca me deixo levar polas baixas paixóns.

 

 

Saúde e larga vida…

 

NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

No hay comentarios: