martes, 11 de octubre de 2022

O TEATRO COMO ESCUSA

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

O TEATRO COMO ESCUSA 

SANTIAGO PAZOS




Permítanme que hoxe divague un pouco. Sempre teño o mal costume, ou bo, de quedarme con pequenos detalles que pasan a formar parte da miña biografía sensorial e visual. Poñan de fondo musical “Puro teatro” de La Lupe, pechen os ollos e síntanse coma se foxen Gloria Swanson baixando lentamente e con elegancia, chanzo a chanzo, unha escaleira de caracol interminable. Soñen, por favor...


BLUES DO PAÍS (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Fáganme caso, non sempre se encontra un morto na piscina. E, polo xeral, a maioría das veces non encontramos piscina onde esconder un morto. Porca miseria! Imitemos a Gonzalo, que mordía as unllas mirando para esa estupenda cantante de “Blues do País”, cando actuaron no Patacón, porque intuía que en cada xesto, en cada canción, o protagonista principal era el. Mágoa que resultara ser tan retranqueira. Como para fiarte!

 

LA CAJA FLOTANTE (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

O teatro é a escusa perfecta para falar de calquera cousa ou tamén para non falar de nada. Así, desinhibidos, reflexionamos sobre do noso papel neste mundo incomprensible. Como lle pasa a Ion Iraizoz, de La Caja Flotante, en Beautifull Stranger. Un primeiro OTNI intencionadamente Freudiano e, en consecuencia, caótico. Tampouco tiña intención de divertir pero, digo eu, puido mostrarnos con máis nitidez o que agochaba detrás desa cute tan perfecta. Menos mal que no coloquio, despoxado do traxe de faena e acompañado por unha amiga comprensiva, mostrounos esoutra cara menos amable que os artistas teñen cando os focos do escenario se apagan.

 

GOOD SEX MARITXU (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

De Good Sex Maritxu non teño nada que aportar. A xente pasouno ben e eu non fuxín na metade por non defraudar a eses espectadores tan comprensivos. Calvarios máis penosos temos pasado por gardar a compostura! Ante todo educación e boas formas. Xa che digo!

 

ALBERTO SUEIRO, VÍCTOR MOSQUEIRA, EVARISTO CALVO, 
TITO ASOREY, XOSÉ TOURIÑÁN E CAMILO FRANCO 
NA ESCOLA DO ESPECTADOR (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Que conste que o sábado comezara estupendamente. A Escola do Espectador “Podcast” con Camilo Franco, como profesor, acompañado por Tito Asorey, Xosé Touriñán, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Alberto Sueiro e unha infiltrada cabreada e premiada Melania Cruz, foi unha gozada. Estiven moi a gusto e preguntei educadamente pola autocensura nese contubernio tan provocador que é o teatro dende que se inventou.

 


Xa ven. Se non lles convence a banda sonora recomendada no principio poden poñer “Rata de dos patas” de Paquita la del Barrio.

 

Saúde e larga vida!


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

No hay comentarios: