miércoles, 19 de octubre de 2022

TITZINA

 (FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

FUXINDO DAS SOMBRAS

 (A propósito de “Búho” de Titzina)

 

SANTIAGO PAZOS

 

DIEGO LORCA E PAKO MERINO EN BÚHO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

 

Cando un espectáculo teatral está feito con tanta luz como definicións desa palabra recolle o dicionario, cando dende o primeiro segundo parece que un certo aire poético, lírico, se che mete no corpo, cando percibes que detrás desa proposta hai un traballo serio, intelectual e práctico, cando ata o mínimo detalle se trata con mimo, cando esa obra se amosa como un ser compacto e vivo, consegue uns efectos sensitivos sobre do espectador que dificilmente será capaz de esquecer.

 

En Carballo coñecemos a Titzina dende sempre. Aqueles “Folie a Deux. Soños dun Psiquiátrico” ou “Éxitus” presentaban con certa comicidade unha visión case abstracta dun mundo, que de tan real, rilábanos por dentro. E en “Entrañas”, “Distancia siete minutos” e “La Zanja” exploran un teatro realista e comprometido coas inxustizas nas que vivimos que poñen os pelos de punta.

 

Sen embargo, teño a impresión que nesas últimas o discurso reivindicativo, perfectamente artellado e documentado, ocupaba tantas enerxías de Diego Lorca e Pako Merino que a linguaxe escénica, a interpretación, a forma, pasaba a un segundo plano deixando núa unha parte fundamental do feito teatral.

 

Afortunadamente no “Búho” regresan a esoutro teatro que, sen abandonar a coidada dramaturxia nin o discurso social e a investigación antropolóxica, recuperan a importancia que ten a interpretación e a montaxe escénica (como na excelente “Éxitus”). Esa xenial iluminación de Jordi Thomás, chea de claroscuros que recordan a Rembrandt, somerxen ao espectador nunha nebulosa estupefaciente. E a composición musical e son, envolventes, de Jonatan Bernabeu e Tomomi Kubo, impacta. E podemos seguir co deseño escénico de Rocío Peña, etc... Todos excelentes.

Todo disposto para recuperar a memoria, fuxir das sombras e seguindo o fío de Ariadna encontrar ese foco de luz que nos permita recordar con claridade quen e que somos aínda que teñamos que retrotraernos aos orixes do universo ou a ese bisonte do paleolítico.

 

Tamén podemos tirar de axenda e revisar esas venturas e desventuras que compoñen a nosa propia biografía. Terapias hai, para superar amnesias ou favorecer esquecementos que nos permitan vivir sen traumas tóxicos innecesarios.

 

Pódenme crer se lles digo, porque acostumo a ser leal co meu propio pensamento e con vostedes tamén, que Titzina conseguiu deixarme atado a butaca, como se estivera imantado, durante un longo tempo despois de terminada a función. Parabéns.

 

 

Saúde e larga vida…

 

NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA





 

No hay comentarios: