miércoles, 19 de octubre de 2022

PAULA CARBALLEIRA - TEATRO EN RUTA

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

TEATRO EN RUTA PARA CONSERVAR A MEMORIA

SANTIAGO PAZOS

 

PAULA CARBALLEIRA E CHIQUI PEREIRA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Hai tres días Alberto Gende cumpriría cincuenta anos. (Desculpen). Recomezo. O once de outubro Alberto cumpriu cincuenta anos. Rectifico porque o amigo artista vive na nosa memoria e segue aportando tanta sensibilidade creativa que esquecelo sería un suicidio colectivo.

 

Por iso quero personificar nel, coma un exemplo que debemos preservar, o traballo de toda esa xente que non permite que perdamos as referencias, persoas inquedas que traballan arreo para recuperar e manter vivos eses vínculos afectivos e culturais que, de tan fráxiles, corren perigo de ser esquecidos.

 

Aí, nese empeño de que non perdamos o recordo de quen fomos, para descubrir quen somos, dedican o seu tempo a Compañía Berrobambán e a xograresa Paula Carballeira. Certo que non son os únicos que se dedican a recuperar a tradición oral, entre outros podemos citar a Asociación Ambiental Senda Nova e ese traballo estupendo que fixeron en “Buenosdíastengausté”, ou a Xosé Antón Bocixa e Xabier Maceiras que non paran de facer transfusións de sangue nova a esa riqueza cultural que está a piques de desaparecer.

 

Mais o caso de Paula Carballeira é excepcional, transmite dun xeito tan sedutor que mesmo doe non seguir esa estela na que o intanxible cobra corpo. E en “Facer memoria”, acompañada por Chiqui Pereira, poñen en práctica un proxecto no que os veciños dos lugares que visitan, nesta ocasión as parroquias carballesas de Oza e Verdillo, convértense en protagonistas da súa propia memoria. Así e todo, non deixa Paula de regalarnos, vista e oídos, con varios deses contos de estilo e marca persoal que a sitúan como unha das mellores contadoras de historias do país.

 

Por outra parte, nesta descentralización afortunada do FIOT, tamén desfrutamos doutro espectáculo digno de sinalar. “Esas cousas marabillosas”, de Empatía Teatro, fala dunha memoria máis persoal e familiar, esas vivencias positivas que non debemos esquecer cando nos encontramos en momentos emocionais depresivos. Un tema de tanta actualidade, polos motivos pandémicos por todos coñecidos, sobre o que a sociedade ten que reflexionar e tomar conciencia non só cando as estatísticas alarman. 

 

Unha montaxe áxil e participativa na que o público de Ardaña (o Centro Social estaba cheo) pasa a ser un segundo actor decisivo no desenrolo narrativo e interpretativo da obra. Moi ben dirixida por Avelino González e estupendamente interpretada por Elisardo de la Cruz, un actor que súa a camiseta, en sentido literal. Recomendable e necesaria.

 

Nesta viaxe tampouco quero esquecer, pola importancia que ten, esa actuación de Marta Iglesias na Residencia de Maiores de Carballo. Unha actividade da Rúa dos Contos que incorpora un público, polo xeral, esquecido. As salas dos teatros teñen que acoller ao pobo enteiro, e se o pobo, pola razón que sexa, non enche esas salas, o teatro ten que ir na súa busca alí onde o pobo estea.  

 

Saúde e larga vida…

 

 

 

NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA 



 

No hay comentarios: