martes, 11 de octubre de 2022

MOFA E BEFA

 (FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

CANDO O BO HUMOR PODE CON TODO

(A propósito de “Pirolíticos” de Mofa e Befa) 

SANTIAGO PAZOS 

MOFA E BEFA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Se pirólise significa “descomposición química de substancias complexas en produtos máis simples debido a acción da calor”, e humor, aparte de referirse ao ánimo (malo ou bo) das persoas, tamén se define como cada un dos diversos líquidos do corpo humano, poderíamos sospeitar que a intención de Mofa e Befa en “Pirolíticos” era impartir unha conferencia sobre fluídos corrosivos seguindo o Método do Teatro Perralleiro.

 

Cabía esa posibilidade. Mais afortunadamente, despois de trinta anos de percorrer o mundo entre trunfos e derrotas, neste xenial espectáculo que vimos onte en Carballo, interveñen tres mulleres que entenden perfectamente a linguaxe abstracta destes dous cómicos de legua e media. Así, Lucía Aldao, Clara Gayo e María Lado, embriagadas pola ousada analítica social coa que sempre se identificaron Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, foron capaces de desmontar o mito heteropaternalista dende un punto de vista masculino, autocrítico, feminista e vindicativo.

 

Non era sinxelo, pero ese bo humor, do que fan gala tanto autoras como actores, pode contra todo tipo de reticencias e prexuízos. Cada entremés provoca gargalladas que funcionan por un lado como mecanismo de defensa, e por outro como recoñecemento avergónzante dese camiño igualitario que nos queda por percorrer.

 

Como ben dicía Xosé Touriñán, na Escola do espectador do FIOT, “os límites da realidade ofendida non poden condicionar os códigos humorísticos ata o limite de sentirmos censurados”. As engrenaxes da comedia han de falar do que se agocha tras desa careta de aparencia impoluta que lucimos en público mentres na intimidade o cheirume é irrespirable. Aí reside a valentía de Mofa e Befa para enfrontarse a un tema de tanto calado social desde ese humor tan persoal.

 

Non fan concesións. O absurdo só é unha postura, un estilo que invita a cuestionarse interiormente se moverse ou permanecer quedo serve para algo. É dicir, dubidar sobre crenzas e comportamentos.

 

Nunha recente entrevista, dicía Gonzo (un coñecido periodista) que houbo un momento no que a xente deixou de confiar no serio. E posiblemente teña razón, xa que vendo Pirolíticos dáste de conta que a boa letra con sangue non entra, pero con bo humor sempre gozarás mellor do que leas.

 

EVARISTO CALVO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Parabéns a Mofa e Befa por levar trinta anos aportando tanto ao teatro galego e, en especial, a Evaristo Calvo por ese merecido Xoglar de Outono. Vaian a velos. Merece ben a pena.

 

Saúde y larga vida…

 

 NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

 

No hay comentarios: