miércoles, 19 de octubre de 2022

LEO BASSI

  

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


VIVIR NA GLORIA

(A propósito de “70 anos” de Leo Bassi)

SANTIAGO PAZOS


LEO BASSI     (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Para vivir na gloria primeiro hai que alcanzala e non cabe dúbida que Leo Bassi leva moito tempo residindo por esas latitudes. Unha situación estelar gañada con moito esforzo, intelixencia belixerante e creatividade irreverente, iconoclasta, e provocación radioactiva.

 

Tamén é certo que se ben “20 anos non son nada” como nos recorda o famoso tango, 60 de profesión e 70 vividos deben pesar o seu. Intelectual e fisicamente. Polo que vimos en Carballo, podemos dar fe que da cabeza está tan perfecto ou imperfecto como estivo sempre, aloucado, extravagante e razoablemente crítico e consciente de como funciona o mundo no que vivimos, os enganos do poder e a pasividade do público. Mais o corpo reséntese e nota que xa non funciona con aquela axilidade e enerxía atómica co que o facía décadas atrás.

 

Así e todo, o importante é que o espectáculo debe continuar. No Paticano teñen que seguir a celebrarse os ritos e cerimonias necesarias para que os fregueses da confraría da risa non se desnorten e extravíen nas traxedias cotiás ou neses grandes conflitos que acurralan a paz mundial. Benditos sexan os cómicos!

 

E mentres o pallaso, o gran histrión, fai de borracho para que o público desfrute escoitando esas grandes verdades que só se poden nomear baixo a eximente embriagadora da cómica retranca e a ironía pérfida, soa de fondo un melancólico piano (Erik Satie?) como anuncio dun final que retrasa todo o que pode sentíndose un “puto vello decadente!”, pero sen deixar de berrar “os vais a cagar!”, para non vivir coma unha merda.

 

Eu, como tamén di Leo Bassi,  pensei en morrer antes dos 50, como eses poetas e músicos malditos que son recordados como seres únicos e inimitables. Sen embargo, como repite este gran Clown, co paso dos anos entendes mellor por que es como es.

 

Resulta entrañable ver como conserva esa xuvenil acidez crítica e rebelde dentro dun corpo cheo de cicatrices provocadas pola incomprensión desa caterva de fanáticos que sempre quere impor o sacro imperio das verdades absolutas para termos controlados.

 

Non son eu moito de circo e menos de pallasos, pero penso xa hai moito tempo que aprendín a distinguir entre un artista e un carteirista. E no caso de Leo Bassi, aínda aceptando que xa non é aquel que ameazou con queimar o Cine Rega co público dentro para mobilizalo despois e invadir a rúa, teño que admitir que merece recoñecemento, respecto e admiración.

 

Como non era para menos, o público fioteiro aplaudiu con entusiasmo e posto en pé. En certo modo, unha homenaxe merecida para un artista que, como debe ser, non se retirará nunca. Repito, benditos cómicos!

 

     

 

Saúde e larga vida…

 

NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


 

 

No hay comentarios: