jueves, 25 de octubre de 2018

"COMMEDIA" de Contraproducións

(FIOT 2018)
27 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO

HISTORIAS DE ONTE, DE HOXE E DE SEMPRE
 (A propósito de “Commedia” de Contraproducións)

SANTIAGO PAZOS
  

As historias de sempre teñen unha característica indiscutible: a sinxeleza. Xa poden ser obras dramáticas, de terror, románticas, ou como no caso da “Commedia dell’arte”, cómica. O enredo segue un patrón moi claro, unhas pautas das que o espectador está avisado, sabe ou debería de saber que tipo de espectáculo vai ver. Non hai sorpresas, pero non importa que todo sexa previsible porque nesa inxenuidade reside a súa beleza.

Po iso, o interese do público cando acude a ver obras deste tipo non pode ser outro que gozar coas virtuosas habilidades dos actores que representan a eses personaxes tan coñecidos, arquetipos de vicios e virtudes que conforman os comportamentos humanos desde que o tempo é tempo. Diso vai “O anel máxico” de Carlo Goldoni, nada máis e nada menos.

A complicación destes espectáculos reside en facelos ben, cousa que non parece fácil. Por algo Cándido Pazó, que adapta e dirixe esta peza con mestría,  di que os actores da Commedia teñen que ser completos, ter un pouco de acróbatas, un pouco de músicos, un pouco de bailaríns, e un “moito de comediantes”. E abofé que o elenco cumpre de sobra con todos eses requisitos.


Eu non tiven a sorte de ver a Ollomoltranvía nese Xoguete para Goldoni que fixeron hai 25 anos e co que recorreron medio mundo con éxito. (Recórdamo a miúdo José María de la Viña e as críticas periodísticas desa época así o confirman). Pero despois de ver a nova adaptación teño que dicir que non parece que eses anos lle restasen nin un pisco de capacidade física e interpretativa a ningún dos actores do elenco orixinal que repiten, (Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González,  e Nuria Sanz. Todos con excepción de César Goldi e Sergio Zearreta que substitúen a Evaristo Calvo e Santi Prego). Máis ben penso que a experiencia acadada neste tempo xoga ao seu favor.

E o mesmo digo da dirección e adaptación de Cándido, que mantén ese ritmo frenético e esa frescura e mordacidade típicas deste tipo de teatro, resolve con intelixencia a actualización do texto e tece unha “relación confidencial” entre público e actores que engade complicidade cómica dende a naturalidade. Sen forzar, con sinxeleza, como se ten feito dende sempre na Commedia dell’arte. Parabéns.    




Saúde y larga vida…





No hay comentarios: