(FIOT 2018)
27 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE
CARBALLO
RÚA DOS CONTOS
ALGO QUE CONTAR (2ª parte)
(A
propósito de David Amor, Isabel Risco, Pedro Brandariz, Fran Rei, Maintomano,
Antón Coucheiro e Monoulious Dop)
LUGARES:
A BARRA BAR, MERCADO MUNICIPAL, CERVEXARÍA BEOS
RÚA VALLE INCLÁN, PAZO DA CULTURA
A BARRA BAR, MERCADO MUNICIPAL, CERVEXARÍA BEOS
RÚA VALLE INCLÁN, PAZO DA CULTURA
SANTIAGO PAZOS
Falaba nos primeiros comentarios que fixen,
hai días, sobre os espectáculos da Rúa dos Contos e de Teatro de Rúa que ter algo que contar e contalo ben é o mellor
gancho para captar a atención do espectador. Non ten porque ser só de forma
oral, pode ser tamén a través da mímica, da música, ou de todo un pouco,
mesturando estilos.
Como fai David Amor que regresa a Carballo convertido nun perfecto
showman. Conta, canta e baila. E todo en conxunto resulta estupendo de ver e de
escoitar. Como dicían de Lola Flores, nin canta nin baila ben pero... Se queres
rir e pasar dúas horas divertidas tes que ir velo, a David. Ten presenza,
móvese con soltura, controla as claves do monólogo cómico, vai soltando chispas
a cada pouco, con esa picardía inxenua que xa é marca persoal, para que o público
non se despiste nin un minuto. E claro, por suposto, xogaba na casa, viviu en
Carballo. Coñece ás persoas, os lugares, as anécdotas, e sabe mesturar todo iso
para contalo cunha sorna que non araña para non facer dano. Un humor branco que,
como moito, atrévese a deixar no aire unhas gotas de acidez insinuada.
Gustoume, paseino ben. Sen dúbida, profesionalmente, ten un futuro moi
prometedor por diante.
Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei traballan
con outros rexistros, contan e tamén cantan e bailan, pero desde unha
perspectiva máis enxebre, crítica e militante. En “Papar sen cancelas” teñen algún
momento xenial, como esa canción con paso de muiñeira incluído que me pareceu o
mellor de todo o espectáculo. Fan o pallaso, por suposto. É o seu. Mentres seguen
o guión van ben, cando queren improvisar, ou parece que queren, pinchan un
pouco. Aínda así, tendo en conta que era unha estrea absoluta, deixaron o
listón ben colocado.
Maintomano son acróbatas, divertidos equilibristas
que xogan e arriscan facendo sinxelo cada movemento e cada salto. Miran cara ao
público con empatía e complicidade como pretendendo que cada un de nós se
empape das mesmas sensacións de doce vertixe que eles practican. E lográrono,
polo menos comigo e coa maioría dos que fomos a velos. O que non sei é se aquel
neno que repetía a cada pouco “ se van a matar” o pasou ben ou mal.
Antón Coucheiro estivo realmente xenial, este polifacético
artista consegue, desta volta, facer un espectáculo participativo, basicamente
para nenos e familias, cunha factura cómica e tenra excepcional. Unha montaxe
intelixente e redonda en conxunto, pero se penso nesa batalla de almofadas
final quero repetir a experiencia xa. Non dubiden en acudir a velo e leven a
toda a familia, engadidos amigos e avós. Parabéns.
E Monoulious Dop pecharon a programación desta Rúa dos
Contos tan especial, que celebraba o seu 20 aniversario cunha saúde de ferro e
que seguirá provocando gargalladas e facéndonos pasar tan bos momentos outros
20 anos máis polo menos. Un fin de festa
con bo rock e con letras cheas de retranca.
PUNTO E FINAL
Non esquezan visitar a Rúa Valle Inclán,
convertida na Rúa da Fama da nosa Rúa dos Contos e a Exposición do XX
Aniversario que permanecerá aberta no Pazo da Cultura ata o 31 de outubro ou
máis aló...
Saúde e larga vida...
No hay comentarios:
Publicar un comentario