(FIOT 2018)
27 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO CARBALLO
XEOGRAFÍAS
(A propósito de “Salvador” de Borja Fernández)
SANTIAGO PAZOS
O gran problema que teñen as viaxes é que
as cartografías xeográficas han de ser feitas con moita exactitude para que o viaxeiro
(neste caso o público) non se perda. Diso sabe moito o amigo Alfonso Javier
Canosa Rodríguez que se doutorou recentemente cunha tese sobre da “Peregrinação”,
de Fernão Mendes Pinto. (Por se
interesa pódese consultar en www.citius.usc.es).
Tamén é certo que un conta o que quere ou
pode contar, con atallos ou polo camiño máis longo, por labirintos ou rectas
sen final a vista. E en calquera deses casos o que nos conten pode ter entidade
suficiente sempre que intención e logros estean en consonancia, non defrauden.
“Salvador”
do galego Borja Fernández amósanos unha viaxe en busca de respostas que
expliquen certos acontecementos familiares que o silencio, tácito ou explícito
dos protagonistas, esconde. Un silencio cheo de suspense que non acaba de ser
aclarado ou que, mellor dito, esconde datos que para o artista quizais non son
de importancia e que a min como espectador paréceme que me están a escatimar.
Sobre todo porque Borja está a dicir todo o tempo que conta con esa información.
No método de traballo nótanse moito as
positivas influencias de Chévere e a súa relación coa “Berberecheira”. Mais no resultado final quedan moitos cabos
soltos. Ese teatro documento, ou documentado, (o de documental paréceme máis
axeitado para o audiovisual), ha de contar a historia de xeito fidedigno, nunca
instrumentalizada e ficcionada. E de ser así, (o creador ten liberdade para
facer o que lle pete), ten que dicirllo con claridade ao espectador para que
non se sinta enganado. Todo indica que, na súa viaxe a Brasil, Borja soubo máis
cousas do seu avó das que nos conta en “Salvador”. Cousas importantes nas que
puido profundar para completar ese relato.
Por outra parte, a montaxe non ten nada de
novidoso, aínda que sexa unha proposta interesante, e a interpretación non está
suficientemente perfilada. Certo é que o espectáculo está feito con moita
dignidade e cando leve algunhas funcións máis supoño que ira axustando moitas
de esas eivas.
Quédome con esa obsesión polos triángulos.
De feito hai tempo que escribín un poema que empezaba así:
Sempre pinto triángulos
Unhas veces comigo dentro
Outras...
Saúde y larga vida…
No hay comentarios:
Publicar un comentario