(FIOT 2018)
27 FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO
DO 30 DE SETEMBRO AO 1 DE NOVEMBRO DE 2018
ANDAR 1
PAZO DA CULTURA
CARBALLO
Idea, dirección e montaxe: Santiago Pazos
(Coa colaboración do Departamento de Cultura do Concello de Carballo)
Ilustración caricaturas: Santi Picos
Hai 20 anos que o
FIOT inaugurou en Carballo unha Rúa. Unha Rúa para encher de historias, de
humor, de provocación, de... vida.
Por unha vez,
trasladamos ao interior do Pazo da Cultura a parte máis gamberra do FIOT, a unha
praza imaxinaria onde invocar os marabillosos momentos en cafés, pubs ou cervexarías
cos que nos fixo gozar este ciclo pioneiro na narración oral en Galicia.
Non caben as máis de
200 funcións realizadas nin os case 300 artistas ou 131 compañías que lle deron
pulso á ovella negra do FIOT con contos, historias, poesía, músicas e risas.
Pero a creativa e
divertida iconografía creada por Alberto e Juan Félix Gende para as 20 edicións
e as caricaturas, feitas por Santi Picos, seguro que transportan a nosa memoria
a moitas Noites de Rúa Chea...
XX ANIVERSARIO DA RÚA DOS CONTOS
SANTIAGO PAZOS
Se o FIOT ten unha característica pola que destaca, aparte desa oferta
teatral de calidade, diversa e liberada de todo prexuízo temático ou estético,
é por unha tácita intencionalidade intrinsecamente pedagóxica. É dicir, crear e
formar seareiros, afeccionados incondicionais ás artes escénicas en calquera
das súas manifestacións, dende a pureza clásica ata a mestizaxe cultural máis
transgresora e vangardista.
Con esa intención naceu hai 20 anos a Rúa dos Contos. Levar o espectáculo
a cafés, pubs, bares, tabernas e outros lugares alternativos, para facer que o
Outono de Teatro se celebrase en toda a cidade como unha gran festa colectiva. O
FIOT entendeu que eses espazos cotiás
nos que a xente se xunta para confraternizar, comer, beber, rir e folgar
desinhibida de convencionalismos persoais e sociais precisaban dun menú
creativo onde as gargalladas fosen o menú principal. Lugares idóneos para
programar actividades onde a narración oral, o humor e o teatro máis pícaro e irreverente
seducise a ese público reticente a acudir a un teatro de tipo convencional.
Hoxe, con 20 edicións ás costas, pódese afirmar que aqueles propósitos son
unha realidade da que os afeccionados carballeses gozamos con satisfacción porque
a cantidade, calidade e variedade dos espectáculos que se programan medra, os locais
onde se representan multiplícanse, e o número de espectador@s que acude para participar
deste nobre arte, que xoga co poder da imaxinación dun xeito ilimitado, son
unha lexión imparable ano tras ano.
Un aniversario que non podía pasar desapercibido. Por iso festexámolo como
se merece, coa alegría e exuberancia que caracteriza a Rúa dos Contos, cunha
exposición no Pazo da Cultura onde se pode ver e recordar toda esa iconografía gráfica
e publicitaria que identifica e fai tan especial esta actividade do FIOT. Unha
mostra con carteis, programas e outros moitos obxectos deseñados por Alberto e Juan
Félix Gende, e caricaturas de coñecidos monologuistas que nos acompañaron estes
anos, realizadas polo artista carballés Santiago Picos Díaz.
Por riba, como todo o que pasa nas rúas debe quedar nas rúas, esperamos sorprender
a carballeses e visitantes cunha intervención de arte urbana nas rúas Valle
Inclán e Rosalía de Castro. Rúas dos contos por excelencia e tradición, onde
todo comezou aló polo ano 1999.
E como sempre facemos, transformando o que os ollos cren ver en sombras
imaxinarias e panorámicas coloristas, intentaremos un ano máis que os trouleir@s,
pándeg@s, gallofeir@s, festeir@s e tunant@s do FIOT vivan unha experiencia
inesquecible nas Noites de Rúa Chea deste noso XX Aniversario.
Saúde e larga vida...
No hay comentarios:
Publicar un comentario